DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves fíxose a proclamación provisional de candidatos a ocupar este posto

Beatriz Comendador preséntase como única candidata a decana da Facultade de Historia

As eleccións celebraranse no centro o vindeiro 30 de novembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 24/11/2011

Desde que Milagros Cavada anunciou a súa xubilación en setembro, a Facultade de Historia do campus de Ourense vive un proceso de elección do novo equipo decanal no que este xoves se deu un paso máis adiante. Rematado o prazo de presentación de propostas para ocupar este posto, a xunta electoral realizou a proclamación provisional de candidatos. Beatriz Comendador, profesora do centro, é a única persoa que se presenta á elección como decana da Facultade de Historia.

Feita a proclamación provisional de candidatos ata o día 28 de novembro ábrese un prazo de presentación de reclamacións. O día 29 procederase á proclamación definitiva de candidatos e o día 30 novembro celebraranse finalmente as eleccións das que sairá o novo equipo de goberno da Facultade de Historia.

A persoa elixida tomará o relevo no posto a Milagros Cavada, que o pasado 28 de outubro celebrou rodeada de compañeiros e antigos alumnos a súa despedida do campus de Ourense despois de 38 anos de traballo nesta institución. Como transición temporal entre a marcha de Milagros Cavada e a elección do novo equipo, a profesora Mª Victoria Carballo Calero continúa ocupando de xeito provisional o decanato do centro.