DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marcos Guimarey recibiu o premio do I Concurso de Iniciativas Saudables Campus ConVida

Beberías un refresco sabendo que para queimar as súas calorías tes que correr 20 minutos?

O seu Proxecto Pegadas propón a colocación estratéxica de información de utilidade sobre hábitos de

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 14/03/2012

Se foses a unha máquina expendedora de bebidas a coller unha lata de refresco e vises un aviso de que é preciso correr 20 minutos para queimar as súas calorías, serías quen de mercala igual? Con esta idea de partida Marco Gimarey, investigador da Universidade de Vigo, vén de gañar o I Concurso de Iniciativas Saudables Campus ConVida. Fíxoo co seu Proxecto Pegadas, unha iniciativa que propón a colocación estratéxica de adhesivos con información de utilidade e impactante sobre hábitos de vida non beneficiosos para a saúde da comunidade universitaria, como fumar ou ter unha mala alimentación.

Gimarey recibiu este mércores o premio, un IPAD 2 de 16 GB e wifi, nun acto que contou coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, e de Julia de la Montaña e Román Lago en representación da Comisión do Campus ConVida. “É unha gran satisfacción estar aquí hoxe nun acto do Campus ConVida, unha iniciativa que está sendo moi ilusionante para todos nós”, salientou María Lameiras. Unha satisfacción compartida por Ernesto Pedrosa, que destacou que ademais de formarse en coñecementos, os universitarios fórmanse en valores “para ser cidadáns responsables, libres e comprometidos”. Por este motivo felicitou ao campus de Ourense por "unha excelente iniciativa que sen lugar a dúbidas contribuirá a promover os hábitos de vida saudables dos estudantes”.

Segundo explicou o gañador do concurso, “a idea xurdiu tras coñecer moitas ideas e iniciativas europeas neste eido polo meu traballo no proxecto internacional da Universidade de Vigo AFRESH, que promociona a actividade física e os hábitos de vida saudables nas economías rexionais”. Froito deste coñecemento, na súa proposta Gimarey propón a colocación de adhesivos en lugares estratéxicos, como as máquinas expendedoras de alimentos, a cafetería do campus e as zonas onde habitualmente fuman os universitarios. Estes materiais conterían, por exemplo nas máquinas expendedoras, información sobre o tempo que é necesario facer deporte para eliminar as calorías que aporta un refresco ou destacarían a necesidade de tomar cinco pezas de froita ao día. O obxectivo último da proposta é concienciar ás persoas das consecuencias que teñen determinadas accións para a súa propia saúde ou a da súa contorna, entendendo a saúde no seu concepto máis integral de saúde física, emocional ou social.

Os Martes ConVida

O xurado do concurso, que pedía unha idea para mellorar os hábitos de vida das persoas que estudan e/ou traballan no campus de Ourense, estivo presidido por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e composto por María Reyes, directora da Escola Universitaria de Enfermaría; Julia de la Montaña, docente da Facultade de Ciencias; José María Failde, profesor da Facultade de Ciencias da Educación; Angélica Ferro, psicopedagoga do campus; e os técnicos dos Servizos de Deportes da Universidade de Vigo Rodrigo Pivida e Guillermo Santos, do campus de Ourense, e Javier Rial e Román Lago, do campus de Vigo. Á hora de elixir a proposta gañadora o xurado valorou das ideas presentadas o seu carácter innovador, a súa orixinalidade e creatividade e a concreción e viabilidade dos proxectos.

Durante o acto de entrega do galardón Julia de la Montaña avanzou tamén algunhas das actividades que darán continuidade ao proxecto Campus ConVida, como son a celebración dos Martes ConVida, nos que ese día de cada semana se colocará un posto de información sobre temas como o consumo de droga, a alimentación sá ou a práctica do deporte. Despois de levar a cabo a campaña “Serás quen...?” de adhesivos suscitando a curiosidade polo Campus ConVida, Julia de la Montaña tamén anunciou a colocación de carteis informativos sobre as áreas de traballo deste proxecto.