DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No relatorio inaugural da Cátedra Alexandre Bóveda

Beiras exalta as aportacións de Bóveda á historia política-económica de Galicia

Presentado polo reitor da Universidade, Alberto Gago

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 19/12/2007

Con motivo da celebración do 75º aniversario da aprobación, polos concellos galegos, do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, comezaron as actividades da Cátedra Alexandre Bóveda cun relatorio inaugural a cargo de Xosé Manuel Beiras no Teatro Principal de Pontevedra. Na presentación da cátedra, que a Universidade de Vigo creou co obxectivo de difundir a figura do galeguista e darlle un pulo ás ciencias sociais en Galicia, Beiras falou da vida e obra de Bóveda exaltando a súas aportacións á historia política-económica galega. “Boveda non é simplemente o mito, non é tampouco só o símbolo... é un inmenso labor creativo sen protagonismos, é unha loita fecundadora, é unha mente cristalina e é unha visión anticipadora e premonitoria”, afirmou Xosé Manuel Beiras no seu relatorio Alexandre Bóveda ou Galicia como paixón e engadiu que “se alguén me preguntase o que foi a vida do galeguista, diría que foi a vivencia loitadora de Galicia como ensoñación, e se me preguntasen como foi a súa morte diría que foi a feroz inmolación de inocencia, vida e morte son en Bóveda a terra e mailo ceo”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, presentou esta primeira actividade da cátedra e expresou que con ela “se pretenden difundir as ciencias socias en Galicia e, de xeito singular, o estudo da cuestión nacional. Se queremos personalizar dalgún modo estes obxectivos, Alexandre Bóveda e Xosé Manuel Beiras ocuparán sempre un lugar de honra”.
O ex voceiro nacional do BNG tamén incidiu no seu relatorio a necesidade desta cátedra impulsada pola Universidade de Vigo para "divulgar e servir de foro de discusión permanente da obra de Bóveda" quen, segundo Beiras "aínda que recoñecido e amado para un sector da cidadanía, segue a ser un gran descoñecido, como tamén o son as súas obras".
A Cátedra Alexandre Bóveda é unha iniciativa na que colaboran cinco institucións do ámbito público e privado, como a Consellería de Cultura e Deporte, o Concello de Pontevedra, Caixanova, a Fundación Alexandre Bóveda e a propia Universidade de Vigo. Representantes de todas elas estiveron presentes no acto e o alcalde de Pontevedra agradeceu a todos a súa participación e comentou que “con esta actividade queremos facer máis presente a figura de Bóveda, que é un dos símbolos da cidade, e do nacionalismo contemporáneo co que todos estamos en débeda”.
No acto tamén estiveron presentes a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte, Mª Xesús López Escudeiro; o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area; e o director da Cátedra Alexandre Bóveda, Álvaro López Mira.

Máis actividades dentro da cátedra

A Cátedra conta con tres grandes liñas de actuación arredor da figura de Alexandre Bóveda. A primeira delas consistiu na creación dun centro de documentación, que xa se puxo en marcha, e que está traballando na recompilación do legado do autor, para permitir e dar accesibilidade aos investigadores. Por outro lado, en 2008 convocarase a primeira edición do premio de investigación Alexandre Bóveda, cunha dotación económica de 20.000 euros para o traballo premiado. Contará cun xurado de recoñecido prestixio e os traballos, en lingua galega, poderán versar sobre ciencias sociais, económicas ou xurídicas. Finalmente, está prevista a celebración dunhas xornadas anuais dirixidas ao público en xeral. Probablemente se trate dun congreso sobre o galeguista, que previsiblemente abordará a parte fiscal e económica dos traballos de Alexandre Bóveda. Ademais, desde a Cátedra apoiarase o desenvolvemento de proxectos de investigación, de actividades como simposios, conferencias, seminarios ou cursos, colaborarase en proxectos culturais e favorecerase a mobilidade de estudantes e persoal docente.