DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade promoveu nesta facultade un taller introdutorio sobre este movemento

Belas Artes acolle unha reflexión sobre como o feminismo cambia vidas

20 estudantes participaron nesta xornada conducida pola técnica de igualdade Mar Cendón

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 03/04/2017

Como o feminismo nos cambia a vida é o título, saído dun xogo de palabras cunha videoacción do grupo latinoamericano Ivaginario Colectivo, do seminario que este luns achegou un grupo de 20 alumnas e docentes da Facultade de Belas Artes unha visión global da historia e a praxe deste movemento. Promovido pola Unidade de Igualdade da Universidade e impartido pola técnica de igualdade e docente Mar F. Cendón, este obradoiro tiña como obxectivo servir como un espazo de reflexión “para desenvolver un posicionamento crítico e incorporar novas ferramentas de análise”, como sinala a súa responsable.

“Nada volve a ser igual despois de que o feminismo chegue a ti. Unha vez incorporas esta perspectiva todo cambia, é algo que che atravesa”, xa que “todos os avances polos que loita son cara a liberdade e igualdade”, recoñece a responsable deste taller de catro horas, que combinou os aspectos teóricos con diferentes prácticas co propósito de “facilitar un lugar de encontro para reflexionar sobre a desigualdade e os feminismos”. Nese senso, a concepción feminista do xénero, entendido este como unha “categoría política, que determina as relacións de poder e establece xerarquías entre as persoas en función do sexo”, foi o punto de partida, como explica Cendón, dun seminario que buscaba achegar unha visión global dun movemento que, como explica, “fai unha análise radical” dun “fenómeno sistémico” como é a desigualdade. Nese senso, Cendón pon o acento en que “non hai ámbito” no que esta desigualdade por razóns de xénero “non estea presente e isto tamén abarca á universidade, á vida persoal e os ámbitos profesionais” nos que desenvolverá a súa traxectoria o seu alumnado, motivo polo que incidiu na necesidade de “formación especifica e transversal en xénero” nos plans de estudos universitarios.

Teoría e práctica dun “movemento complexo”

Como unha proposta introdutoria á historia do feminismo presentábase este taller no que Cendón trazou un percorrido “polos momentos que marcaron a historia e o desenvolvemento das teorías e das praxes feministas, para coñecer e recoñecer mellor a tradicións que as accións políticas transformadoras que nos achega”. Nese senso, a responsable desta actividade incide en que o feminismo é un “movemento complexo, que está en avance constante, cuestionándose e criticando de forma radical todo”, motivo polo que este percorrido abrangueu desde a súa articulación inicial como “un contradiscurso en busca da igualdade respecto aos homes” á súa situación no momento actual, marcada por prácticas “máis espontáneas e creativas”, resultado do traballo de “multitude de grupos elaborando novos discursos e construíndo representacións plurais en todas as partes do mundo”.

Co propósito de afondar na súa evolución, compartir experiencias e “achegarse aos feminismos sen prexuízos nin medos” o traballo neste taller partiu dos contidos teóricos como marco para unha serie de dinámicas e actividades de carácter práctico, tanto individuais como grupais. Así, a análise viuse complementada por propostas nalgúns casos “máis reflexivas, noutros máis vivencias e mesmo por algunha actividade corporal”, todas elas, como explica Cendón, dirixidas a promover o debate e a reflexión. No en van, “unha das chaves que achega o feminismo”, sinala, é precisamente “á de romper coas relacións de poder e construír coñecemento de forma colaborativa, dando valor ás experiencias e saberes diversos”.