DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha publicación centrada nas iniciativas desenvolvidas polo alumnado

Belas Artes busca reunir 30 anos de memorias nunha publicación

Convida a titulados e tituladas a achegar imaxes e documentación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 30/06/2021

A conmemoración nos últimos meses dos 30 anos de historia da Facultade de Belas Artes deu pé a diferentes actos e exposicións que botaban a vista atrás para afondar na traxectoria do centro do campus pontevedrés. Con esa mesma idea e co propósito de contar unha parte da súa historia non tan visible, a facultade impulsa un proxecto dirixido a percorrer estas tres décadas desde o punto de vista do alumnado. O obxectivo, como explica a responsable das redes sociais deste centro, Sara Donoso, é compilar imaxes, documentos, fanzines e outra serie de achegas e “construír a memoria colectiva” da facultade a través dunha publicación que será editada en risografía dentro do selo editorial Error es Bien, creado pola propia facultade e que está dando lugar a unha serie publicacións realizadas ca súa copiadora Riso SF9530.

“Pensamos que estaría ben facer unha compilación de diferentes iniciativas que partiron do alumnado e que quedaron no baúl das lembranzas da xente, que sería interesante compartilas, poñelas en común e facer unha publicación homenaxe”, salienta Donoso. Con esa idea, desde a facultade fan un chamamento a que titulados e tituladas poidan enviarlles aqueles materiais dos que dispoñan a través do correo electrónico facultadebelasartespontevedra@gmail.com. A idea é poder reunir imaxes e información de múltiples iniciativas, desde a organización das celebracións de San Ero ao desenvolvemento de mercadiños ou performances no centro, pasando pola creación de fanzines ou mesmo cancións que no seu día se naceron na propia facultade. 

Neste senso, Donoso incide en que tanto a edición deste volume como os seus contidos e organización final dependerá do que se poida compilar nun proceso “para o que non temos un prazo pechado”, xa que a idea é “ir compilando pouco a pouco” materiais que permitan proxectar esa outra parte da historia da facultade “que normalmente non se ve tanto”. Nese senso, sinala o interese de reunir materiais que permitan lembrar os primeiros pasos da facultade e o seu traslado á actual sede, o antigo cuartel de San Fernando, “pero tamén como foi evolucionando, ver que foi pasando ao longo do tempo coas seguintes xeracións”.