DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa organización do I Foro de Arte Múltiple por parte do grupo de investigación dx5, punteiro en Esp

Belas Artes buscará sinerxías entre profesionais e investigadores na Feira Estampa 2011

É o encontro máis importante de arte seriada de Europa, que acada arredor de 100.000 visitas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 18/10/2011

En esta ocasión a Universidade de Vigo ten unha participación especial na XIX Feira Estampa de Arte Múltiple, principal referente europeo dentro do sector da edición e da obra múltiple contemporánea, que se celebra en Madrid entre os días 20 e 23 de outubro. O grupo de investigación dx5-digital&graphic art research- da Facultade de Belas Artes organiza o I Foro de Arte Múltiple, un encontro que pon en contacto profesionais e investigadores universitarios da arte seriada e que está incluído dentro da programación da feira. “Trátase dunha oportunidade inmellorable que permite levar o nome da Universidade a Madrid, a un evento que alcanza máis de 100.000 visitas”, explica Ana Soler, codirectora do grupo de investigación e principal impulsora do foro.

A dirección de Estampa decidiu solicitar a colaboración do grupo de investigación dx5 ao tratarse do único, entre os centros universitarios de España, que trata especificamente temas de arte múltiple, unha disciplina que traballa con pezas susceptibles de ser repetidas e reproducidas en varias ocasións. Como aclara Ana Soler, “o grupo digital&graphic art research da Universidade de Vigo é pioneiro a nivel nacional sobre este novo concepto de arte”, en gran parte debido á liña de traballo marcada polo profesor Kako Castro, codirector do grupo de investigación, “que nos anos 90 instaurou esta temática na facultade traída de Estados Unidos”. Este primeiro Foro de Arte Múltiple pretende servir como punto de encontro e de divulgación entre especialistas, artistas e investigadores, baixo unha óptica multidisciplinar. O principal obxectivo do foro é a necesidade de pór a investigación científica ao servizo do mercado da arte, de aí que participen representantes de sete universidade do ámbito nacional “que porán en común as conclusións dos seus traballos, moitas veces dispersos ou circunscritos a ámbitos moi especializados”.

Evolución da feira

Esta cooperación entre os organizadores da feira e os profesores da facultade nace dunha estratexia de renovación que está levando a cabo Estampa, “que naceu hai 19 anos como un salón de gravado e que agora evoluciona proxectando os seus intereses cara outras manifestacións de edición da arte contemporánea”, puntualiza Soler. Entre o 20 e 21 de outubro, os expertos debaterán sobre todas as manifestacións susceptibles de ser editables, (fotografía, gravado, escultura, vídeo, arte dixital, libros de artista, arte sonoro...), “pois agora máis que nunca temas como a autoría, a obra colectiva, a robótica ou a intervención das máquinas, están cambiando todo o mercado e orixinan un novo concepto de arte”, destaca Soler.

O foro articularase arredor de tres grupos de traballo. Durante a primeira xornada terán lugar dúas mesas redondas que abordarán os enfoques científico-técnico e teórico-conceptual respectivamente, constituídas por artistas e investigadores de distintos grupos de investigación de universidades e centros de arte españois. Na segunda xornada desenvolverase un obradoiro práctico, “máis vinculado á realidade do mercado”, coa participación de xestores de centros de arte, museos e asociacións e que será impartido por Karin Ohlenschläger, vicepresidenta do Instituto de Arte Contemporáneo.

Presentación de libros

O grupo dx5 aproveitará a celebración da feira para presentar o seu libro On minded prints. On prints minded. Gráfica contemporánea de Campo Extendido, unha compilación da obra gráfica dos principais artistas contemporáneos de arte múltiple, “selección realizada por un equipo de cinco críticos españois de recoñecido prestixio e traxectoria”, sinala a codirectora do grupo. Igualmente, a profesora Anne Heyvaert dará coñecer a publicación At the edge. Arte y diseño, que inclúe as conclusións e resultados das xornadas sobre Creación na fronteira, organizadas pola Facultade de Belas Artes en 2010.