DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xoves 6 ábrese o prazo de presentación de candidaturas

Belas Artes celebrará eleccións a Decanato o 25 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 28/02/2014

O profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado que forma parte da Xunta de Facultade terá o vindeiro martes 25 de marzo a responsabilidade de elixir á persoa que se situará á fronte do Decanato de Belas Artes durante os vindeiros tres anos. Rematado o mandato do equipo que encabeza Juan Carlos Meana, desenvólvese no centro pontevedrés un proceso electoral no que, trala publicación o vindeiro luns do censo definitivo de PDI, PAS e estudantado que tomará parte na votación, abrirase entre o 6 e o 12 de marzo o prazo de presentación de candidatos e candidatas.

Unha resolución do xa decano en funcións abriu o 7 de febreiro o proceso electoral na Facultade de Belas Artes, onde o día 19 quedou constituída a comisión electoral que coordina este proceso. Tralo peche do prazo de presentación de candidaturas, o xoves 13 procederase á proclamación provisional dos aspirantes a asumir a dirección do centro, que cinco días despois será definitiva, despois da apertura dun período de reclamacións.

Nas anteriores eleccións, celebradas en febreiro de 2011, Juan Carlos Meana fora elixido para dirixir a facultade con 38 votos a favor, dous en contra e un en branco, aínda que o profesor do Departamento de Pintura xa exercía como decano en funcións desde xuño de 2010, despois do nomeamento de Ignacio Barcia como vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade. Xunto a Meana, formaron parte do equipo decanal do centro nestes últimos tres anos Paloma Cabello, como responsable de Asuntos Académicos; Fernando Suárez, vicedecano de Calidade; Silvia García, vicedecana de Cultura e Relacións Institucionais; e Ana María Suárez como secretaria.

Máis de 800 alumnos e alumnas cursan estudos nesta facultade do campus pontevedrés, na que ademais do grao en Belas Artes, impártense tamén os mestrados en Libro Iustrado e Animación Audiovisual e en Arte Contemporánea. Creación e Investigación. Así mesmo, este centro tamén acolle os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), titulación propia da Universidade.