DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo co 25 aniversario do centro, en 2015 levaranse a cabo varias intervencións artísticas

Belas Artes e Concello suman forzas para que o alumnado deixe a súa pegada na cidade

O decano, a concelleira de cultura e a comisaria de ‘Do final e do comezo’ presentaron o catálogo da

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 03/09/2014

Celebrar as vodas de prata levando o talento do alumnado á rúa. Ese é o obxectivo co que a Facultade de Belas Artes encara o ano 2015, no que se cumprirán 25 anos da creación do centro, unha efeméride que a facultade e o Concello de Pontevedra queren poñer de relevo promovendo conxuntamente unha intervención artística en espazos urbanos. A idea, que adiantaron nesta xornada o decano, Juan Carlos Meana, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, definirase nos próximos meses co obxecto de que, na próxima primavera, o alumnado deixe a súa pegada na cidade a través de murais ou outra serie de proxectos artísticos.

Como explicou Meana, esta é unha iniciativa que “aínda está por pechar” e que se atopa actualmente “en conversas para sentar as bases” desta liña de colaboración, na que queda por definir tanto os espazos concretos como o procedemento polo que se seleccionará ao alumnado participante. Trátase, como sinalou o decano, dun proxecto co que conmemorar “as vodas de prata da facultade, que coinciden ademais coas da Universidade de Vigo” e que recibiu unha “moi boa acollida por parte do Concello”. Esta afirmación viuse referendada coas verbas da edil de Cultura, que se amosou “encantada” cunha liña de traballo que busca contribuír á mellora de diferentes espazos urbanos.

Esta iniciativa segue a estela trazada por dous proxectos de intervención artística levados a cabo o pasado curso, o concurso que a facultade promoveu xunto coa inmobiliaria Anida no barrio de Monteporreiro e o proxecto da Vicerreitoría do campus que dotou dun mural a dúas das paredes do Pavillón Universitario. Seguindo precisamente esa liña, buscarase que as novas intervencións que se leven a cabo o vindeiro ano respondan tecnicamente á busca da "maior duración posible", co obxectivo de contribuír durante anos a “dar a alegría á cidade e benestar dos seus habitantes”, destacou Meana.

Balance documental de Do final e do comezo

Riveiro e Meana compareceron nesta xornada no Concello, xunto á vicedecana Silvia García, co propósito de presentar o catálogo da terceira edición da exposición Do final e do comezo, que ata o 31 de agosto reuniu no Pazo da Cultura unha selección dos proxectos elaborados por 38 alumnos e alumnas que o pasado curso completaron os seus estudos de grao. Ademais desta versión en papel o catálogo poderase contemplar tamén en formato dixital a través da web da facultade.

Deste xeito, como explicou a vicedecana e comisaria da mostra, Silvia García, esta publicación convértese, unha vez rematada a exposición, nun “arquivo a longo prazo” do traballo desenvolvido polo alumnado, contribuíndo deste xeito a “visibilizar o moito que son capaces de facer as persoas que se forman na facultade”. A este respecto, García fixo énfase no “privilexio” que supón para o centro “poder manter unha colaboración estable co Concello” e levar a cabo unha iniciativa que permite aos futuros graduados e graduadas pechar a súa etapa na Universidade “poñendo en práctica os seus proxectos nunha contorna o máis profesional posible, na que teñen que amosar un compromiso e adaptarse a uns requisitos arquitectónicos”.

Neste senso, o decano enmarcou tanto a exposición como a edición do catálogo nunha liña de actuación que contribúe ao obxectivo de “abrirse á sociedade, a unha contorna que é en fondo o que nos sustenta”, xa que actividades como esta permiten tanto fomentar unha “interrelación cultural” como amosar á cidadanía “o traballo que silenciosamente imos desenvolvendo curso a curso na facultade”. Por ese motivo, Anxos Riveiro salientou o valor que ten esta publicación como mostra “de como foron os inicios do que agardamos sexan unhas longas traxectorias no complexo mundo da arte e a cultura”.