DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto Baliza, o centro promoveu unha mesa sobre revistas indexadas

Belas Artes debate sobre a creación dunha revista científica propia

Tería como obxectivo difundir a investigación que se leva a cabo neste centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 04/12/2013

A idea de poñer en marcha unha publicación propia, cuns “índices de calidade aceptables”, que contribúa a dotar dunha maior visibilidade ó labor de investigación que se leva a cabo na Facultade de Belas Artes é un “proxecto latente” neste centro da Universidade de Vigo. De aí, que o segundo acto do proxecto Baliza, integrado no Campus do Mar, fose este mércores unha mesa de debate na que coñecer as condicións e pautas que farían posible o xurdimento dunha revista científica.

Coa idea de dotarse dunha maior perspectiva respecto da viabilidade dunha inciativa, “que non sabemos como vai concluír”, como recoñeceu o decano, Juan Carlos Meana, a mesa de debate A edición de revistas indexadas na universidade pública: indicios para a súa viabilidade e profesionalización reuniu nesta xornada a Manuel Hernández Belver, director da revista Arte, individuo y sociedad, da Universidad Complutense de Madrid; Tomás Baiget, director da revista El profesional de la información; Luis Rodríguez Yunta, doutor en Documentación e documentalista do CSIC; e Elena Giménez Toledo, científica titular do CSIC e responsable do Grupo de Investigación de Avaliación de Publicacións Científicas do Centro de Ciencias Humanas e Sociais.

Publicacións máis asentadas no ámbito científico

No marco do programa de traballo A arte como hipótese, o proxecto Baliza pretende contribuír a propiciar unha relación bilateral entre Belas Artes e a Universidade, na que sen deixar de ter en consideración que a creación artística é o “ámbito de maior visibilidade” neste campo, poidan abrirse “novas perspectivas noutros ámbitos do coñecemento”, como a investigación que se leva a cabo nesta facultade, como resaltou o decano.

De aí precisamente o debate sobre a posta en marcha dunha publicación científica que contribúa á difusión desa actividade, que, como engadiu Meana, “igual non responde” aos parámetros habituais deste tipo de revistas científicas. De feito, recoñeceu que este tipo de publicacións científicas teñen unha maior instauración noutros ámbitos académicos, como o científico ou o tecnolóxico, pero menos nun campo, o da arte, no que, explica, existen outras canles para facer visible o traballo desenvolvido, como “exposicións, catálogos ou concursos”.

Por iso, optouse por reunir a unha serie de expertos nun debate destinado a coñecer “como nos podemos adaptar aos parámetros de calidade dunha revista científica”, así como a debater outra serie de cuestións relativas á viabilidade dunha iniciativa que, no caso de chegar a bo porto, podería adoptar tanto un formato impreso como dixital.

Neste senso, Rodríguez Yunta alertou da “saturación” no ámbito das publicacións na área das Ciencias Sociais e Humanidades, dada a proliferación das revistas dixitais nos últimos anos. Por iso, insistiu na importancia de fuxir do “amateurismo” se o que se pretende é ser “unha revista referente”, para o que será preciso un “equipo editorial comprometido”.