DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colabora co ciclo multidisciplinar Barosa Líquida que mestura arte, música, literatura e gastronomía

Belas Artes despide o verán cun menú a base de ingredientes culturais

Celébrase nos muíños de Barosa os días 15, 22 e 29 de setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 13/09/2012

Arte, música, literatura e gastronomía son os ingredientes principais de Barosa Líquida, un ciclo multidisciplinar promovido pola artista e profesora da Facultade de Belas Artes Ana Seoane e polo músico Adrián Silva, que se celebrará o 15, 22 e 29 de setembro nos muíños de Barosa (Barro). O proxecto parte da idea de mesturar diversas artes nun mesmo punto e baixo un mesmo eixe para o que os organizadores contaron co apoio da Universidade de Vigo a través dun estudo de investigación financiado pola Cátedra Filgueira Valverde que lles permitirá ofrecer aos asistentes unha selección de propostas interdisciplinares que “farán de Barosa un lugar onde gozar de seráns memorables e ricos en variedade cultural”, explican dende a organización.

A creatividade da Facultade de Belas Artes tamén estará presente neste ciclo coa exposición Identidades Líquidas, aberta ao público ao longo do mes de duración do evento. As instalacións artísticas do decano do centro, Juan Carlos Meana, e dos profesores Fran Miguens e da propia Ana Seoane protragonizan esta mostra que entende a identidade como un proceso en constante cambio, “que lonxe de permanecer estático, cuestiónase e abre novos interrogantes e perspectivas”.

Sesións de música, literatura e gastronomía

Para cada un dos sábados restantes do mes de setembro o ciclo ten preparado un menú “de tres pratos” ofrecendo de primeiro un concerto musical para logo deixar paso ao teatro e á poesía para rematar cunha degustación gastronómica, grazas á colaboración do espazo gastronatural Barosa e da Banda Xuvenil de Barro. Así, o encontro botará a andar o 15 de setembro cun concerto de BXBRASS, cunha actuación do actor de teatro, cine e televisión Miro Magariños e rematarase cunha cea a base de entrecot de boi. O sábado 22 de setembro o cuarteto de saxos Sax-Pistols abrirá paso á poesía do escritor Adolfo Caamaño para culminar cun rodaballo á prancha con panaché e puré. Na derradeira sesión, o ingrediente musical virá da man de PERFLU, mentres que Carlos Fontes recitará os seus poemas e unha degustación de minibombas de chocolate porá fin a este ciclo multidisciplinar.

Este venres 14 de setembro, a organización ofrecerá un adianto do contido das xornadas nas instalacións de Portal 48, un espazo de creación recentemente inaugurado e que pretende ser un berce de interesantes proxectos artísticos na provincia de Pontevedra. Unha intervención músico-pictórica de Adrián Silva e de Ana Seoane abrirá boca para o sábado.