DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornada de Portas Abertas con profesionais do sector acompañados do reitor Salustiano Mato

Belas Artes ensina ao público especializado o seu talento creativo

Coa finalidade de estreitar lazos entre o mundo académico e o laboral

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 07/06/2011

O resultado da inspiración e as horas interminables de traballo do alumnado da Facultade de Belas Artes quedaron ao descuberto. Profesionais do mundo da arte, acompañados polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, participaron este martes na Xornada de Portas Abertas organizada polo propio centro para visualizar e proxectar as tres exposicións que na actualidade protagonizan os estudantes do grao e do mestrado, abertas ao público en xeral. Trátase “de abrir as nosas actividades á sociedade e ao contexto cultural da arte contemporánea para crear nexos de unión”, comentou o decano Juan Carlos Meana.

A finalidade, comentou o decano, “é amosar no contexto sociocultural o traballo do noso alumnado”, creando e estreitando lazos con todos os axentes e institucións “coa intención de promocionar a nosa materia prima e de provocar conexións co mundo real profesional de fóra”.

O reitor tamén salientou a importancia desde tipo de xornadas, “pois dan a coñecer aos verdadeiros especialistas da materia a calidade da creatividade que aquí emana”. Aproveitou a súa visita á facultade para felicitar ao decanato, ao profesorado e ao alumnado polo traballo realizado, “podendo presumir desde a Universidade dunha Facultade de Belas Artes que non soamente é singular en Galicia senón un referente no estado español e debemos seguir nese camiño”. Destacou ademais a calidade e variedade das obras de arte “que amosan a absoluta complicidade entre o profesorado e o alumnado”.

Un percorrido “triangular”

O reitor e a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, xunto con profesores da facultade e os axentes do mundo da arte convidados, visitaron as tres exposicións que tanto o alumnado do último curso do Grao en Belas Artes como o do Máster en Investigación e Creación en Arte Contemporánea teñen abertas en Pontevedra, “copando todas as salas dispoñibles de arte contemporánea da cidade”, apuntou o decano. O percorrido comezou na propia facultade polos traballos fin de grao dos estudantes de último curso, chamando especialmente a atención unha obra titulada Fóra ou Dentro? a que Mato cualificou de “inquietante”. Agrupadas por temática e afinidade, moitas delas recorrían á fotográfía e ao retoque, porque “moitos dos alumnos e das alumnas non se ven como artistas, senón como deseñadores gráficos, unha importante saída laboral da nosa titulación”, aclarou Silvia García, vicedecana de Cultura e Relacións Institucionais da facultade.

A Sala X foi a seguinte parada, na que se atopa exposta a mostra Soy tan loser que ni los feos me quieren. Comisariada polo profesor Nono Bandera, foi o encargado de explicar a esencia da exposición, un gran debuxo feito a man por seis artistas, creado ex-profeso para esta exposición, pero con posibilidade “de reciclaxe ao poder dividila en varias escenas”, comentaba Bandera.

O percorrido rematou na Fundación Rosón Arte Contemporáneo, onde o pasado mércores se inauguraba a mostra Trabajos Fin de Master 2011, na que “a investigación se funde coa propia creación artística”, apuntou Juan Fernando De Laiglesia e Nono Bandera, comisarios desta exposición.