DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'Miradas Plegadas' inaugúrase o vindeiro 20 de febreiro na galería Fontanar, en Riaza, Segovia

Belas Artes homenaxea aos cadernos Moleskine cunha exposición

O uso destes cadernos achega dúas miradas, unha en conxunto e outra páxina por páxina

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 18/02/2011

Nunca un caderno Moleskine dera para tanto, tanto como para converterse en obra de arte arredor da que xira a exposición Miradas Plegadas, na que 22 alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes presentan as súas pezas na galería Fontanar, en Riaza, Segovia. Empregaron concretamente o modelo xaponés Moleskine, “non pola lenda e popularidade da marca, xa que foi usada, entre outros, por Picasso, Heminway ou Van Gogh, senón por ser un soporte tremendamente versátil”, explica Olalla Barrosa, coordinadora da exposición.

O valor principal desta mostra é a utilización dese tipo de cadernos específicos, “proposta inicial do noso profesor de debuxo Manuel Dimas que aceptamos encantados”, apuntan os artistas. O Moleskine xaponés está formado por trinta páxinas "que se despregan como un acordeón, permitindo a súa visualización en conxunto ou páxina por páxina”, subliña a coordinadora. Esa dobre perspectiva é o que caracteriza a exposición pois “esixe traballar individualmente en cada unha das follas pero necesariamente cada unha ten que estar vinculada coa seguinte, pois é o que lle dá sentido”, aclaran os artistas.

Deste xeito, cada un dos Moleskine pódese contemplar de forma completa, “aberto” ou facendo unha lectura “por apartados”, páxina por páxina. Engaden que ese dobre xogo supón unha gran complexidade á hora de realizar a peza “porque tes que ter en mente sempre a continuidade, que estamos contando unha historia na que hai que pór de manifesto que o debuxo cambia e evoluciona”. O título da exposición Miradas Plegadas, xurdiu da forma de abano dos cadernos, ademais de que “este ano temos falado moito dos encartes que teñen moito que ver coa complexidade e gustounos moito a idea de xuntar miradas de cada un”.

O corpo e a Facultade de Belas Artes como puntos de partida

A temática da exposición xira arredor de dous eixes principais, o corpo humano e a propia Facultade de Belas Artes, “dúas propostas moi abertas que permitían infinidade de enfoques”, concreta Olalla. Cada un dos artistas, botando man da súa percepción individual, plasmaron nos Moleskine o que lles suxerían os seus compañeiros e o propio centro onde estaban a estudar. Así, María Arias realiza unha interpretación de obras de profesores, mentres que Iris Blanco plasma unha sucesión de retratos de compañeiros. Pola súa banda Marga Araújo opta por reflexionar sobre a súa historia persoal, “o que me incitou a chegar aquí e a estudar nesta facultade” e a coordinadora leva a cabo “unha reprodución fiel dos debuxos que me ía atopando polo centro nas taquillas, no chan...”. En canto aos materias empregados “atópase un pouco de todo”, desde artistas que se inclinaron máis polo debuxo ata “os que empregaron telas, cosidos, abelorios...”, aínda que o predominante é a técnica do collage.

Consideran que esta exposición en Segovia supón “unha boa oportunidade para amosar publicamente os nosos traballos”, subliña a coordinadora ao que a alumna Marga Araújo engade que “é básico comezar a moverse desde a facultade, non podemos esperar a finalizar a carreira para facer exposicións porque deste xeito é como entramos en contacto co mundo da arte e lle imos perdendo un pouco o medo a isto de promocionarnos profesionalmente”.

Iria González, Iris Blanco, José Luis Bueno, Olalla Barrosa, Hugo Crespo, Ana Arias, Belén Rodríguez-Sieiro, Aida Donoso, Nerea Carpente, Ángeles Díaz, Ariadna Bertolo, Yolanda Fernández, Sara Donoso, Teresa Pece, Estefanía Fernández, Josune Duo, María Arias, Clara Luján Fernández, Ana López, Marga Araújo, Eber Cameselle e Hugo Aldatz son os 22 protagonistas de Miradas Plegadas que estará aberta ao público desde o domingo 20 de febreiro ata o próximo 20 de marzo na galería Fontanar, en Riaza, Segovia.