DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes honra a San Ero sacando a súa vea máis creativa

Ademais das actividades tradicionais, incluíron no programa obradoiros de retratos e manualidades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 12/05/2011

O ciclo de celebracións do campus chega ao seu fin. Tras San Aquiles, San Leando e Santa Kata, tócalle ser anfitrioa á Facultade de Belas Artes coa organización dos festexos que honran ao seu patrón, San Ero, contando este ano cun programa de actividades “moi ao noso estilo artístico”, comenta Cynthia Alfonso, voceira do comité organizador. O alumnado de 3º e 4º do Grao en Belas Artes botaron man da súa vea máis creativa “para que poidamos continuar coa tradición da celebración”, incluíndo actividades que fusionen a diversión e a creación como obradoiros de manualidades, de retratos ou unha exhibición de graffitis.

A novidade deste ano radica nese enfoque “máis cultural” no que “a arte en distintas expresións se fai presente nos festexos”, explica Alfonso. Pero non soamente desde o eido pictórico, pois tamén organizaron unha jam session “na que cada un se trae o seu instrumento musical e conxuntamente comezamos a improvisar e a sacar o mellor de nós”. E, coma sempre, non faltan xogos máis tradicionais como o twister, “co que o pasamos igual de ben que cando eramos máis cativos”. A música, outro ingrediente principal, no que un dj ameniza o recinto cun repertorio “para todos os gustos”, ademais dun concerto de rock para a última hora da tarde.

Un menú ‘diferente’ ao habitual

Como en calquera celebración tipicamente galega, a comida tampouco falta, pero neste caso os presentes atoparanse cun menú “algo diferente ao habitual”. En vez de bocadillo de chourizo, véndese pratos de sushi, arepas, polo recheo e felafel, “un tipo de hamburguesa vexetal que leva garabanzos, cebola, apio e salsa grega”. Esta nova oferta de manxares “estreámola o ano pasado e funcionounos moi ben, pensamos que desta vez volveremos esgotar as existencias”, apuntan os organizadores.