DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa mostra itinerante 'Mmmmmh! 8 praceres visuais' que tamén se exporá en Madrid

Belas Artes potencia a difusión do seu talento no país veciño

A profesora Mar Caldas considera imprescindible ter un punto de contacto permanente con Portugal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 08/02/2012

O talento artístico do campus de Pontevedra atópase de visita no país veciño coa mostra itinerante Mmmmmh! 8 praceres visuais inaugurada con éxito no Museu Nogueira da Silva da Universidade do Minho, en Braga. Esta exposición nace dunha iniciativa da Vicerreitoría do campus de proxectar fóra do eido local os traballos artísticos do seu alumnado, escollendo desta vez Portugal. Como explica a profesora Mar Caldas, comisaria da mostra, “é moi interesante para a Facultade de Belas Artes ter un punto de contacto co país luso, algo no que a Universidade de Vigo é pioneira. Portugal está moi preto e é unha vía que non se acostuma a explorar dende aquí”.

A comisaria da exposición salienta que, ao contrario do que ocorre en España e Galicia, “os artistas portugueses si que buscan no noso país espazos para a súa promoción", cunha presenza moi salientable en Galicia en expositores de renome como o CGAC, o MARCO ou o Auditorio de Galicia. Ante esta situación a profesora sinala a necesidade de proxectarse ao mesmo nivel que o país luso o fai en España “tentando traballar moito máis nesta liña para lograr unha maior difusión en Portugal”. Así, esta exposición supón un dos primeiros pasos sólidos na procura desa nova vía na que coleccionistas, comisarios e galeristas portugueses se interesen pola obra dos artistas pontevedreses para futuros proxectos. Para Caldas, a calidade artística autóctona non é o impedimento pois, tal como destaca, “a arte contemporánea que se está a facer en Galicia está á mesma altura que a que se está a desenvolver en Portugal ou en outros lugares. Simplemente necesítase máis promoción fóra das nosas fronteiras”.

Boas expectativas

A posición estratéxica do Museu Nogueira da Silva da Universidade do Minho no centro da cidade de Braga fai que tanto  comisaria como artistas teñan boas expectativas sobre a súa difusión entre o público e a crítica especializada lusa. “O museo está moi ben situado e conta cun elevado número de visitantes a diario, ata 300, así que esperamos que moitas persoas vexan a mostra”. Por outra banda, o espazo escollido conta cunha fachada acristalada “de tal xeito que se poden ver as obras dende fóra”, engade.

Os traballos artísticos dos oito participantes (Antón Caamaño, Beatriz Lobo, Christian García Bello, Cristina Ramírez, Eme, Jesús de la Iglesia Trinidad, Joseba Muruzábal e Marta Bran) caracterízanse pola súa diversidade de posicionamentos, de temáticas e de tratamentos formais escollidos, aínda que todos están adscritos á arte contemporánea. En Mmmmmh! 8 praceres visuais o espectador poderase atopar unha mestura das máis variadas manifestacións artísticas “co obxectivo de crear un goce estético en quen as contemple”, de aí o título da exposición.

A mostra poderase visitar de balde ata o vindeiro 24 de marzo en Braga. Logo fará escala no Centro Complutense de Madrid, con data aínda sen determinar, para volver a casa e finalizar o seu percorrido na Sala X o vindeiro ano.