DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa primeira sesión do seminario "Arte e articulación social: comunicación da diferenza"

Belas Artes prende a Baliza de Campus do Mar

Isidro López-Aparicio relatou a súa experiencia como comisario nos campos de refuxiados de Tinduf

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/11/2013

Arte, impacto social y compromiso é o título de relatorio co que o doutor en Belas Artes e profesor na facultade de Belas Artes da Universidade de Granada e artista plástico multidisciplinar Isidro López-Aparicio, inaugurou este venres o seminario Arte e articulación social: comunicación da diferenza na facultade de Belas Artes de Pontevedra. A conferencia na que López-Aparicio relatou a súa experiencia como comisario de Artifariti, Encontros Internacionais de Arte e Dereitos Humanos do Sahara Occidental, que se desenvolven anualmente nos campos de refuxiados saharauis de Tinduf, marcou o inicio dun seminario dedicado ao estudo das capacidades da arte no ámbito da educación e da cultura. Unha iniciativa que se encadra no programa A arte como hipótese do proxecto Baliza integrado no Campus do Mar, a partir do que se despregarán unha serie de actuacións coas que se pretende propiciar unha relación bilateral entre Belas Artes e Universidade, precisamente porque sitúa a arte no seu artellamento co resto de disciplinas na discusión fundamental das chamadas sociedades do coñecemento.

Co obxectivo de integrar a arte como criterio de excelencia, Baliza dará acubillo baixo o seu paraugas a un conxunto de actividades entre as que se destacan varios seminarios que se desenvolverán ao longo deste curso e dos que Arte e articulación social: comunicación da diferenza é o primeiro. En concreto as sesións deste seminario estarán dedicadas ao estudo das capacidades da arte no ámbito da educación de da cultural e é que no sistemas xeral de significación de usos, a arte contén historicamente un potencial para a educación, desenvolvemento e transformación cultural. “Unha iniciativa”, segundo explica o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana, “coa que se pretende ofrecer unha mirada transversal da arte e a ciencia con diversas ramificacións. Con Baliza ábresenos unha porta para dar a coñecer o noso traballo e conectalo con outros ámbitos”. Outras accións concretas do proxecto serán a organización o vindeiro verán dunha exposición centrada na visibilización de diversos problemas a través da arte e da ciencia.

Artista multidisciplinar nos campos de Tinduf

Tras un encontro nas últimas horas con investigadores, docentes e estudantes de mestrado e doutoramento, o artista Isidro López-Aparicio, foi o encargado este venres de abrir o seminario cunha conferencia na que debullou a súa experiencia como comisario dos Encontros Internacionais de Arte e Dereitos Humanos do Sahara Occidental, una cita coa arte que se vén desenvolvendo desde hai anos en Tinduf na que a través das prácticas artísticas trabállase na reivindicación dos dereitos humanos do pobo saharaui. Desde un punto de vista profesional, pero tamén persoal, López-Aparicio afondou nos detalles dunha iniciativa que ao longo dunha década persegue dar visibilidade ao Sahara como país, empregando como vehículo o mundo da arte e máis concretamente o traballo de decenas de artistas internacionais que durante varios días elaboran as súas obras nos propios campamentos ou mesmo no deserto. O profesor titular da Universidade de Granada aproveitou a súa intervención na Facultade de Belas Artes para presentar o catálogo que recolle unha escolma das obras elaboradas ao abeiro dos encontros, que segundo explicou López-Aparicio tamén foron o xermolo para a posta en marcha dunha escola de arte

Artista plástico multidisciplinar que se move en heteroxéneos rexistros: instalacións, fotografía, arte de acción, escultura e arte sonoro entre outros, López-Aparicio soubo fuxir con habilidade de catalogacións para dende a arte, como elemento de reflexión e compromiso social, desenvolver unha sólida presenza profesional participando con asiduidade en feiras internacionais e realizando numerosas exposicións individuais e colectivas en: España, Italia, Reino Unido, Portugal, Alemaña, Holanda, Bélxica, Estados Unidos, Hungría, Finlandia, Rusia, Exipto, China, Grecia, Fiji, Rumanía, Papua Nova Guinea, Noruega… A súa obra pódese atopar en coleccións permanentes, públicas e privadas deses países. Foi premiado e bolseiro para a ampliación de estudos e a creación artística en máis de trinta institucións e dende 2008 preside o Fine Art European Forum e é membro do comité executivo da European League of Institutes of Art. O seu traballo estivo presente en institucións como a Tate Modern de Londres, o MNCARS de Madrid, a Darat al Funun de Aman, a GAM de Palermo e o 798 Distric de Pekin entre outras.

Doutor en Belas Artes, profesor titular da Universidade de Granada e membro do Instituto de Investigación de la Paz y los Conflictos, impartiu conferencias e seminarios nos cinco continentes.