DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Conferencia de Decanos denuncia que o Ministerio lexisla contra as universidades

Belas Artes reivindica respecto para a autonomía universitaria fronte ao decreto que ordena as ensinanzas artísticas superiores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/12/2009

14 decanos de facultades de Belas Artes de universidades españolas veñen de facer público o seu rexeitamento ao espírito que subxace na redacción do Real Decreto 1614/2009 que consideran omite e ignora deliberadamente a existencia de ensinanzas artísticas no seu nivel universitario. Xunto aos seus homólogos de trece facultades de todo o Estado, o decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Ignacio Barcia, participou esta semana na Conferencia de Decanos de Belas Artes celebrada en Málaga na que os responsables das facultades acusaron ao Ministerio de Educación de lexislar en contra dos estudos universitarios.
O decreto que establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores, equiparando os estudos das Escolas de Arte aos títulos universitarios, supón segundo Ignacio Barcia “un atentado directo contra a autonomía universitaria xa que pretende impedir que a universidade ofreza títulos en ámbitos que xa están dentro das universidades como son as Belas Artes”. Lonxe de ordenar as ensinanzas artísticas non universitarias, os decanos das facultades de Belas Artes do país consideran que o Real Decreto 1614/2009, xera, “desde unha una deliberada ambigüidade”, a maior das confusións xa que presenta como homoxéneo un panorama complexo no que conviven ámbitos e niveles académicos moi diferentes , ignorando a existencia das ensinanzas artísticas universitarias.

Freo ao peor decreto dos posibles

O feito de que se obvie para os estudos das Escolas de Arte a obriga que si teñen as facultades de Belas Artes de que os seus estudos sexan avaliados e teñan a garantía de calidade que contempla a ANECA, é outra das frontes de denuncia dos decanos. “Eles poden facer uns títulos de grao equivalentes aos universitarios, pero que non se lles piden requisitos que se esixen ás universidades”, denuncia Barcia que coincide cos seus compañeiros decanos na intromisión nos intereses da universidade que supón o Real Decreto.
Para poñerlle freo ao que o decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra non dubida en cualificar como”o peor decreto dos posibles”, a Conferencia de Decanos presentou unha reclamación ante o Ministerio de Educación na que demandan que se garanta a autonomía universitaria de xeito que, en ningún caso, a aparición dos títulos que dispón o Real Decreto condicione a política universitaria. Evitar unha desigual regulación das condicións de organización e planificación das estruturas para os títulos de grao que se establecen no contexto da ordenación das ensinanzas artísticas superiores é outra das demandas dos decanos que tamén “pedimos”, sinala Barcia, “ que o decreto polo que se ordenan as ensinanzas universitarias oficiais (Real Decreto 1393/2007), sexa tamén o que regule esas ensinanzas non universitarias”.
Garantir que, respecto á investigación, non se estableza diferenciación algunha entre as ensinanzas artísticas non universitarias e universitarias, é outra das demandas que os decanos agardan que sexan tidas en conta polo Ministerio de Educación. Sen embargo Barcia tamén lembra o papel que neste proceso terán as comunidades autónomas xa que “unha parte do desenvolvemento da lei depende do Ministerio, pero tamén hai unha parte que lles corresponde ás comunidades autónomas”. O decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra que sinala que “se non se atende o que pedimos as facultades imos quedar como algo raro dentro das ensinanzas artísticas”, lembra que desde 1978 as facultades imparten ensinanzas de Artes Plásticas, Deseño e Conservación-restauración, contando cunha sólida traxectoria docente e investigadora que agora o Real Decreto despreza.