DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participa con 26 propostas artísticas de estudantes e docentes

Belas Artes revisa a proclama haitiana "todos somos negros" na 31 Bienal de Pontevedra

A facultade e a Casa das Campás acollen tamén coloquios e mesas redondas da Bienal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 26/05/2010

A 31 Bienal de Pontevedra convidou a estudantes e profesores da Facultade de Belas Artes e de Esdemga a presentar propostas de intervención artística a partir da convocatoria Todos somos negros, un proxecto colectivo e anónimo que impulsou a Red de Conceptualismos del Sur e que recolle a proclama da revolución independentista de Haití, retomado agora pola bienal, ao estar dedicada a Centroamérica e O Caribe. Finalmente seleccionouse un total de 26 proxectos de 45 docentes, alumnos e alumnas, que poderán verse no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra desde o 4 de xuño ata o 12 de setembro.
Así mesmo, a facultade e a Casa das Campás acollerán actividades paralelas ás exposición, como conferencias, coloquios e mesas redondas; a profesora Paloma Cabello coordinará o Laboratorio de Mediación; e na Sala X montarase parte da exposición Tras-misións, coa presenza dos artistas Adán Vallecillo (Honduras), Guillermo Vargas e Priscilla Monge, os dous últimos de Costa Rica.

Todos somos negros

“Todos os cidadáns, de aquí en diante, serán coñecidos pola denominación xenérica de negros”, así reza o artigo 14 da Constitución haitiana de 1805, proclamada tras a revolución que levou á independencia do país, ata entón colonia francesa. En medio dos festexos previstos en torno ao bicentenario das revolucións independentistas americanas, retomar esa proclama e instalala na rúa e nos debates públicos é obxectivo dos traballos presentados na 31 Bienal polo equipo de Belas Artes e Esdemga. Fan isto, segundo di a convocatoria, non só para chamar a atención sobre a historia silenciada, senón tamén “pola carga disruptiva que aínda porta intacta a idea de que todos e todas poidamos definirnos como negros, nun ambiente de intolerancia crecente”.
A presenza da Facultade de Belas Artes na 31 Bienal de Pontevedra enténdese como un espazo vivo no que se irán sucedendo diferentes propostas en varias quendas. “Artellamos o noso espazo como un work in progress continuo, no que unhas pezas se irán modificando e outras desaparecerán para dar paso a outras novas”, explica un dos coordinadores, o profesor Xosé Manuel Buxán. “Haberá un artista pintando in situ, outra peza que invita á xente a escribir frases sobre un mapa mundi ou outra tamén participativa na que se reparten cartas rosas co lema Bambi. Me encanta ser negrito”, comenta. Son obras de distintos formatos e técnicas, desde a pintura, a escultura, a fotografía e a videoproxección, ata a instalación, a performance ou a arte dixital.

Laboratorio de Mediación

A profesora Paloma Cabello coordinará o Laboratorio de Mediación da Bienal como parte da súa materia Transmisión, Mediación e Educación Artística. “Esta actividade é unha oportunidade para os alumnos, porque lles dá por primeira vez a posibilidade de deseñar recursos para mediar este a bienal e o resto da cidade e a xente”, explica. Esta proposta funcionará como un taller de arte, investigación e educación no que o alumnado presentará unha serie de proxectos, todos eles, segundo Cabello, “para achegar á xente á outra beira do charco”. A organización de almorzos, festas nas prazas, campañas publicitarias, obradoiros para nenos e o deseño dun álbum de cromos para coleccionar ao longo de todo o evento son algúns deses recursos.

Belas Artes e a Casa das Campás, sedes do programa de actividades

A Facultade de Belas Artes será tamén unha das sedes do programa de actividades paralelo ás mostras, que comeza mañá cun coloquio dos artistas panameños Donna Conlon e Jonathan Harker, baixo o título Vídeos (e outros xogos). Completarán este ciclo de conferencias as intervencións da artista guatemalteca Rosina Cazali, dos cubanos Meira Marrero, José A. Toirac e Tania Bruguera e de Nancy Hoffman, co-directora do Instituto Buena Bista de Curazao.
Pola súa parte, a Casa das Campás acollerá o ciclo de debates Subidos de tono, no que intervirán boa parte dos artistas presentes na bienal, para conversar sobre política e performance, ecoloxía, racismo, arte e delito e prácticas educativas.