DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa mostra itinerante 'Mmmmmh! 8 praceres visuais' que se exporá en Braga e en Madrid

Belas Artes saca peito fóra de España

Ten como obxectivo proxectar o traballo dos seus egresados e egresadas máis aló de Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 31/01/2012

O prestixio dun artista susténtase na suma de méritos e boas críticas pero, como poden empezar as novas xeracións esa cadea de recoñecementos? Para impulsar as súas carreiras artísticas, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra organiza cada ano unha exposición itinerante co fin de proxectar fóra do eido local os traballos artísticos dos egresados e egresadas da Facultade de Belas Artes. Desta volta, esta mostra, baixo o título Mmmmmh! 8 praceres visuais e comisariada pola profesora Mar Caldas, chegará por primeira vez a Braga para ser exposta no Museu Nogueira da Silva da Universidade do Minho o vindeiro 3 de febreiro. Logo fará escala no Centro Complutense de Madrid para volver a casa e finalizar o seu percorrido na Sala X o vindeiro ano.

A exposición vén acompañada dunha publicación na que se recollen en papel as obras seleccionadas, "de moito valor para o currículo do artista emerxente". Como sinala Mar Caldas, quen substituíu ao profesor Xosé Manuel Buxán na dirección desta itinerancia e da Sala X, este proxecto tenta ser “a posta de longo dos nosos recentemente titulados e tituladas”. Esta iniciativa, que se puxo en marcha en 1997, “sempre quixo ser un apoio no difícil inicio de toda traxectoria artística, creando unha ponte entre a formación académica e o desempeño no espazo profesional”, explica Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, co fin de lograr unha repercusión máis aló do ámbito local.

Criterios de selección

A comisaria da Sala X foi a responsable de escoller persoalmente os oitos artistas, todos formados nas aulas da Facultade de Belas Artes e cun fondo interese polo “xogo da arte”. Os seleccionados foron Antón Caamaño, Beatriz Lobo, Christian García Bello, Cristina Ramírez, Eme, Jesús de la Iglesia Trinidad, Joseba Muruzábal e Marta Bran, todos con proxectos artísticos maduros e solventes o que esixiu "que foran proxectados en espazos máis amplos para chegar a públicos máis diversos”, apunta Caldas. Respectouse a paridade de xénero imposta por Buxán en edicións anteriores e tentouse seleccionar aqueles proxectos “que estaban suficientemente maduros para a súa proxección sen chegar a estar tan rodados para xa non precisar deste apoio”.

Para Marta Bran, unha das oito artistas que viaxará a Braga o próximo 3 de febreiro, formar parte deste proxecto supón alcanzar unha meta que tiña marcada dende que era estudante. “Naquel ollar das obras de artistas doutras promocións sempre existía un respecto e ilusión por formar parte dese proxecto no futuro, un desexo de estar nesa selección dos oito artistas”, confesa. Por outra banda, considera que esta exposición itinerante é unha grande oportunidade para visibilizar a súa obra “fóra do doméstico, do controlado e do coñecido” ampliando as súas posibilidades no espectro galerístico “do país veciño”.

Oito 'praceres visuais'

Os traballos artísticos dos oito participantes caracterízanse pola súa diversidade de posicionamentos, de temáticas e de tratamentos formais escollidos. Como consecuencia, en Mmmmmh! 8 praceres visuais o espectador poderase atopar unha mestura das máis variadas manifestacións artísticas “co obxectivo de crear un goce estético en quen as contemple”, de aí o título da exposición. A fotografía estará presente da man de Antón Caamaño que, a través da técnica do collage, amosa unha obra moi irónica “cun aire infantil pero perverso”. A selección de obras de Beatriz Lobo supón unha crítica á educación “botando man da pintura e da instalación cunha estética moi punk e kitsch”.

Pola súa banda, Christian García Bello inspírase na paisaxe galega, mentres que Cristina Ramírez xoga coa acuarela para reflexionar sobre as relacións persoais e a soidade do ser humano. Eme, “defensora da arte aplicada” traballa con obxectos manipulados e Jesús de la Iglesia Trinidad aposta polos vídeo-instalacións “aínda que cun estilo moi barroco”. Completan o corpo de artistas Marta Bran cunha selección de debuxos moi elaborados e Joseba Muruzábal, pintor realista que tenta reflectir nos seus cadros “o día a día dos seus amigos e do seu barrio”, explica Caldas.