DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man do grupo In-Filtracións, formado por dúas alumnas e un alumno

Belas Artes saca á rúa a cultura de Guatemala, Haití, Cuba e Costa Rica

É unha actividade paralela á Bienal para dar a coñecer aos países que participan nela

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 22/06/2010

Hai algo máis de 15 días que se inaugurou a 31 Bienal de Arte de Pontevedra, centrada este ano no traballo de artistas de Centroamérica e o Caribe. Pero como sucede habitualmente cos museos só unha pequena parte da poboación se achega a botar unha ollada. Co obxectivo de ampliar o seu alcance e achegarlle aos viandantes a cultura e a arte dos países representados nas exposicións tres alumnos da Facultade de Belas Artes crearon o grupo In-filtracións, que definen como unha plataforma de difusión. Son David Quinteiro, Tamara Lores e Bibiana Piñeiro e estarán ao longo da semana en diferentes prazas da cidade facendo audicións de música, proxectando vídeos, realizando lecturas literarias, ofrecendo diferentes talleres e cun punto informativo con catálogos dispoñibles para consultar todo o mundo, no que tamén ofrecen unha degustación de diferentes variedade de café de Centroamérica.
“O que fixemos foi idear un recurso transmisión para a Bienal”, comenta Bibiana Piñeiro. Para isto realizaron un estudo dos países que participan na Bienal e finalmente escolleron catro: Guatemala, Costa Rica, Cuba e Haití. “No caso de Haití non hai ningún artista nas exposicións, aínda que en certa maneira están representados polos de Santo Domingo, pero consideramos oportuno incluílo polo que acaba de vivir e por ser un dos países máis pobres de Latinoamérica”, aclara Bibiana. Confesa que a súa intención é achegar unha realidade diferente destes países da que aparece nos medios de comunicación, sempre centrada na pobreza e nos desastres, para amosar a riqueza da súa cultura, da súa música, do seu audiovisual, do seu teatro e, en definitiva, da súa arte.
Para recadar información puxéronse en contacto coa diferentes embaixadas. Sinala que en xeral foi moi difícil reunir materiais, máis duns países que doutros. “De Costa Rica, por exemplo, temos toneladas de cousas, pero de Haití foi case imposible, demos de fronte coa realidade, pois cousas polas que preguntabamos, determinados edificios, xa non existen”, relata Bibiana Piñeiro.

Derrubar prexuízos

Ademais, durante a estancia dos artistas en Pontevedra gravaron numerosas entrevistas con eles e fixeron un seguimento audiovisual do proceso de creación e montaxe das súas obras. Todo este material será proxectado nas prazas escollidas, a de Méndez Núñez, a de Xosé Martí e a do Teucro, a partir das 17.00 horas e a ata o xoves. Os promotores de In-filtracións contan que foi moi produtivo este contacto directo cos artistas, sobre todo para derrubar prexuízos sobre os seus países. “Tiven a lección que necesitaba para aprender doutras culturas”, comenta Bibiana, que fai fincapé no feito de que “aquí, ao ter determinadas necesidade cubertas xa non somos críticos porque parece que non hai problemas”. Di que esta convivencia con artistas de fóra lle fixo reflexionar e abrir os ollos cara a situacións sociais inxustas no noso contexto nas que ás veces non reparamos.

Recitais literarios

Así mesmo, levaron a súa proposta por diferentes centros educativos e asociacións coa finalidade de organizar un recital literario con textos dos principais escritores destes catro países e as voces dos estudantes. A idea tivo boa acollida no I.E.S. Xunqueira I e onte, no día de Guatemala, romperon o xeo unha alumna e un alumno deste instituto, lendo a obra de Miguel Ángel Asturias, premio Nobel de Literatura en 1967.
O grupo In-Filtracións naceu especificamente para estas actividades, pero os seus membros esperan poder levar adiante novos proxectos.