DUVI

Diario da Universidade de Vigo

17 titulados e tituladas de oito universidades optan ao II Premio Talento Artístico

Belas Artes suma catro finalistas nun concurso aberto a traballos de fin de grao de toda España

Promovido por Ahorro Corporación Financiera, o certame contou cun centenar de candidaturas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/10/2019

Preto dun centenar de obras nacidas como traballos de fin de grao en diferentes facultades de España concorreron neste 2019 á segunda edición do Premio Talento Artístico, que promove a entidade Ahorro Corporación Financiera (ACF), coa Univeridad Francisco de Vitoria como coordinador académico. Delas, foron seleccionadas como finalistas as creacións de 17 titulados e tituladas de oito universidades, entre as que se atopan as egresadas da Facultade de Belas Artes Mireia Bruguera, Sara Pena, Carmen Quintáns e María Adelaida Brandón. A súa elección fai que a Universidade de Vigo sexa a que conte con maior número de representantes entre as e os finalistas dun concurso que na súa primeira edición recoñeceu tamén, co primeiro premio e un accésit, aos egresados do centro do campus pontevedrés Iago Fontoira e Diego del Río. 

Xunto a Vigo, as universidades de Barcelona e Francisco de Vitoria, Politécnica de Valencia, Zaragoza, Málaga, La Laguna e Miguel Hernández están representadas nas e os finalistas dun certame aberto a TFG presentados con posterioridade ao curso 2016-2017 e no que se outorgará un primeiro premio de 6000 euros e dous accésits de 3000 euros. As obras seleccionadas formarán parte así mesmo da exposición que ACF promoverá entre o 7 e o 17 de novembro na Galería Jorge Alcolea de Madrid.

Dos lumes de 2017 á habitación matriz

“É a primeira vez que participo nun concurso destas características e ter chegado ata aquí xa é toda unha honra e un premio”, salienta Adelaida Brandón, quen destaca como “unha grande inxección de enerxías para seguir traballando e crecendo no mundo artístico” a oportunidade de presentar o seu traballo nunha “galería tan prestixiosa”. A vaga de lumes que en outubro de 2017 asolou Galicia e da que foi “testemuña directa”, constituíu o punto de partida de Cordis, a serie de fotografías que a converteron en finalista deste premio. “Ter vivido unha situación límite como esta fai que en pouco tempo teñas que decidir que salvar ou que perder”, explica Brandón, que reflexiona sobre a importancia dos recordos a través de fotografías que retratan diferentes obxectos que ata entón pertencían “á esfera privada dos seus protagonistas”.

“O conflito” que implica habitar un espazo serviu, por outra banda, como xerme de 0836-36002 Destinatario-Remitente, un proxecto no que Mireia Bruguera creou a través da técnica do gofrado de papel unha réplica a escala real da súa habitación. Réplica que se converteu nunha “matriz para a extracción de moldes” a partires da que a artista, que na actualidade cursa o mestrado en Dirección Creativa e Deseño de Moda, deu forma a un “libro-mapa-atlas” que lle permitiu afondar non só “na idea de reproducir un espazo propio”, senón que este permitise tamén “imaxinar novas posibilidades de lectura”. Nese senso, Bruguera ve na súa selección para este certame a “aprobación dun traballo honesto e propio, xa que aínda que eu quedara moi safisteita, non pensaba que o valorarían tanto”.  

Obras froito da reflexión e investigación

“Valoro moito ser finalista”, engade Carmen Quintáns, que admite que este tipo de recoñecementos “anímanme a continuar”. Percepción branca. Investigación do mínimo xesto e a máxima expresión é o título do seu TFG, que defendeu o pasado mes de xullo e que está integrado por unha cuadrícula que reúne serie de debuxos sobre papel e fotografías, xunto con catro cadros de gran formato. A partires “dun modo de facer pintura” aínda definido por “certas referencias figurativas”, Quintáns buscou neste proxecto unha forma de pintar que implicase “a mínima pegada no soporte”, contrapoñendo imaxes “máximas e mínimas” dunha mesma realidade, así como os diferentes bocexos previos á representación final.
 
A relación de traballos finalistas xurdidos en Belas Artes complétase con Composición de presentes, de Sara Pena, unha instalación de grandes dimensións que parte dunha reflexión sobre como, na pintura barroca, ás ventás son representadas como un “elemento iluminador de obxectos, de anuncio do que hai que ver”. Facendo uso da cortadora láser da facultade para queimar parte dunha superficie téxtil, Pena xerou na súa obra un “efecto neobarroco” polo que a luz “enfoca o que se desexa ver” á vez que oculta coa súa sombra a “ausencia dun imaxinario común”, como apunta o profesor Juan Carlos Román, titor dun traballo que hai unhas semanas a facultade presentaba no festival de artes e emprendemento de Galicia, Audacia, na Cidade da Cultura.