Catro estudantes da facultade participaron na localidade de Tillburg no 'Apprentice/Master'
Belas Artes, única representante española nun encontro internacional de artistas en Holanda
Esta iniciativa serve como punto de partida a un calendario de exposicións de artistas de diferentes
Unha semana para compartir experiencias e modos de traballo con artistas novos de diferentes puntos de Europa, pero tamén para comezar articular proxectos expositivos colectivos que logo se plasmarán nun calendario de exposicións. Iso foi o que supuxo para catro estudantes da Facultade de Belas Artes o encontro internacional Apprentice/Master, que ao longo da pasada semana se desenvolveu na localidade holandesa de Tillburg. Raquel Fernández, Ana Pérez Valdés, Diego Pazó e Brais Romero foron os catro alumnos seleccionados pola facultade para representalos neste evento promovido polo espazo Kunstpodium T, e no que Vigo foi a única universidade española representada no evento.
“Durante a nosa estadía visitamos varios centros de arte do país e déronse a coñecer os grupos de traballo”, relata Pérez Valdés, da que recoñece unha experiencia “interesante e inspiradora” e da que destaca tanto a posibilidade de participar nunha exposición colectiva en Holanda o vindeiro ano, como a de compartir “experiencias, ideas e outras formas de entender a arte” con graduados e graduadas de diferentes países. “A cultura de cada un, a súa contorna e historia, intervén sempre na túa obra e na túa maneira de traballar”, engade esta estudante de doutoramento que, nese senso, recoñece que esta iniciativa “pode abrir outras vías de traballo e novas posibilidades”, así como “lecturas que nunca pensaras” do propio proxecto artístico, que as e os participantes debían presentar nestas xornadas.
“É unha boa oportunidade para coñecer de primeira man o tipo de arte que se está a facer noutros países e poñer en valor os nosos proxectos persoais nun contexto distinto, xunto a persoas coas que compartimos intereses semellantes”, engade Fernández Barreiro, alumna do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, do que define como unha “experiencia moi enriquecedora, tanto a nivel persoal como profesional”. Nese senso, ademais de compartir experiencias co resto de participantes e articular os diferentes grupos de traballo, a chamada kick-off week do Apprentice/Master serviu tamén ás e aos participantes para visitar diferentes museos e centros vencellados á arte, como á Academia Jan van Eyck, en Maastrich.