DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na III Mostra Internacional de Arte Universitario, Ikas-art, celebrada en Bilbao

Belas Artes vai na procura do trampolín perfecto

Trátase dunha oportunidade para achegarse á realidade do mercado do sector

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 14/11/2011

Na procura de novas experiencias formativas máis aló das paredes dunha aula. Este é o obxectivo que busca a Facultade de Belas Artes coa participación na III Mostra Internacional de Arte Universitario, Ikas-art, que se clausurou esta fin de semana. Unha delegación formada por 13 alumnos e alumnas do centro, capitaneada polo decano Juan Carlos Meana e polas vicedecanas Silvia García e Paloma Cabello, trasladouse ata Bilbao para amosar nunha contorna especializada, unha selección de obras dos artistas participantes co fin de promocionarse e entrar en contacto co mundo profesional. “Este evento supón para o estudantado unha importante aprendizaxe, permitíndolle coñecer de primeira man as reaccións que provoca a súa obra fóra do ámbito académico, onde soamente reciben as opinións dos seus compañeiros e profesores”, sinala a vicedecana Silvia García.

A facultade pontevedresa leva participando en Ikas-art dende a primeira edición, porque é unha oportunidade inmellorable para as novas promesas da arte, o que a converte “nunha plataforma ideal para que amosen o seu traballo e comecen a saír ao mundo real”, aclara García. Esta mostra naceu da man da Facultade de Belas Artes de Bilbao, que en colaboración con outras entidades do País Vasco, organizou en 2008 o primeiro encontro, convidando a participar a todas as facultades de Belas Artes do estado.

Tras o éxito das dúas edicións anteriores, este ano a mostra fíxose máis aberta con novos participantes e centros de ensinanza internacionais, chegando a ser unha referencia do futuro da arte “e do que se está tratando nos eidos da ensinanza e da investigación”. Tal é a repercusión da mostra que a propia revista que edita Ikas-art, que recolle as pezas expostas na feira, “se converte nunha excelente vía para que os alumnos e alumnas difundan a súa obra no ámbito profesional, porque a organización se encarga de facelo chegar a institucións, comisarios, galerías...”, aclara a vicedecana, Tanto é así que estudantes que participaron en edicións anteriores “espertaron o interese de varios centros de exposicións despois de ver a súa obra na publicación”.

Forte implicación do alumnado

O equipo decanal da Facultade de Belas Artes destaca o compromiso e implicación que amosou o alumnado participante dende o primeiro momento, “pois ocupáronse de toda a preparación e coordinación da mostra, do transporte, das fichas técnicas, dos carteis... adaptándose ás condicións reais da montaxe e traballando sobre plano e tomando as decisións axeitadas”. Os verdadeiros protagonistas da mostra son Josetxu Carcamo, Roberta Vázquez, Lucía Graña, Olalla Barrosa, Estefanía Fernández, María Arias, Marta Fariña, Sabrina Fernández, Santiago Besteiro, Sandra Prieto, Marta Fortes, Miriam Cartagena e Alba Blanco, 13 alumnos e alumnas do último curso do Grao en Belas Artes e dos mestrados impartidos no centro. A exposición colectiva contou cunha selección de obras variadas coa que percorreron case todas as modalidades artísticas, incluíndo escultura, pintura, instalacións, fotografía, serigrafía ou performance.

Dende o centro valoran moi positivamente a participación nesta mostra, a que tamén lle serviu para facer contactos con outras facultades e poder aumentar os convenios de intercambio. Pola súa banda, o alumnado amosouse moi satisfeito do resultado da montaxe, de 100m2 e confeccionada por eles mesmos, “ademais de comprobar como os visitantes se paraban ante as nosas obras, facíanse fotos coas pezas e collían as tarxetas de contacto dos alumnos, onde escribiran os seus correos, teléfonos e blogs”, comenta García.