DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estará acompañada nesta singradura por Jesús López, Mª Amelia Coello e Ana Bernabeu

Belén Rubio, nova decana da Facultade de Ciencias do Mar

Elixida por ampla maioría, a investigadora toma o relevo de Jesús Souza Troncoso, que levaba seis an

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 18/06/2013

Un equilibrio entre experiencia, xuventude e investigación. Así será o equipo decanal que tome as rendas da Facultade de Ciencias do Mar e que terá á profesora Belén Rubio ao fronte. A investigadora foi elixida por ampla maioría (20 votos a favor, 4 en contra e 2 en branco) nas eleccións celebradas este martes no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais e ás que concorría cunha candidatura na que están representadas “as diferentes sensibilidades e intereses no noso eido”. Coa idea de manter a continuidade co proxecto anterior, Rubio releva así no cargo a Jesús Souza Troncoso, que levaba seis anos dirixindo as rendas da facultade.

Nesta nova singradura, a decana estará acompañada por dous membros do anterior equipo de goberno (Jesús López, vicedecano, e Mª Amelia Coello, secretaria) e pola profesora Ana Bernabeu. “Coa miña ilusión e a da xente que me acompaña tratarei de afrontar con enerxía e entusiasmo renovado os formidables retos que se nos presentan nun momento difícil no que será necesario implicar a todo o mundo para levar adiante este proxecto con éxito”, subliñou Rubio.

Ir da man coas facultades nacionais de Ciencias do Mar

Belén Rubio afronta esta nova etapa con “responsabilidade” e coa idea clara de que “poden facerse moitas cousas aproveitando sinerxías e inputs económicos que veñan doutras fontes”. Por iso, entre as liñas de acción marcadas estarán o fomento das relacións internacionais, que se verán favorecidas pola implantación e promoción de materias en inglés, convenios de colaboración e a creación de titulacións conxuntas con outras universidades, e a potenciación dos máster, “con especial énfase nos de Oceanografía e Xestión Pesqueira”. “Temos que traballar para crear estas titulacións en colaboración coas distintas facultades de Ciencias do Mar de España e facer mestrados potentes aproveitando o apoio institucional e económico que nos pode achegar o Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar”, recorda a profesora.

A inserción laboral será outra das preocupacións do equipo de Belén Rubio, que traballará para facilitar mobilidade e a realización de prácticas externas, organizará actividades de orientación profesional e manterá unha análise dos datos de inserción laboral a través da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), valorando o actual grao de absorción por parte do tecido empresarial dos recentemente titulados. “É moi importante promover a inserción laboral dos nosos egresados nun momento tan difícil e cunha taxa de mozas e mozos en paro tan alta. Por iso, por exemplo, a través do Campus do Mar estanse a desenvolver ferramentas e obradoiros cos que axudarlles”, asegurou.

Unha xestión participativa

A calidade das titulacións en Ciencias do Mar tamén será un dos eixos centrais do traballo do novo equipo decanal, que tentará mellorar os estándares para a adquisición da acreditación de graos e mestrados, xestionar a mellora da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior diminuíndo o tamaño dos grupos de prácticas e mantendo o programa de conferencias cunha “maior presenza de axentes do sector empresarial, sobre todo do relacionado co medio mariño, mantendo unha maior conexión entre empresa e universidade para ver o que eles demandan dos oceanógrafos e o que nos podemos ofrecer”.

Ademais, o novo equipo decanal ten por obxectivo continuar co traballo desenvolto no anterior goberno, tratando de profundar e ampliar a noción de xestión participativa, para o que se promoverá “a participación dos membros da Xunta de Facultade de forma rotativa nas distintas comisións”.