DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A consultora do Programa FAO/OIEA falou no campus sobre os outros usos desta enerxía

Belén Vallina: “As técnicas nucleares teñen moitas máis aplicacións que as centrais, como a agricultura”

Foi no marco do Ciclo de Cine e Conferencias Ambiental e Social

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/11/2011
Belén Vallina é unha enxeñeira química ourensá cun traxectoria profesional que a levou a traballar como consultora do Organismo Internacional da Enerxía Atómica, concretamente no Programa FAO/OIEA de Aplicacións de Técnicas Nucleares na Alimentación e a Agricultura. A piques de deixar este organismo para pasar a traballar na Organización das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial ONUDI aproveitou a súa visita a Ourense para ofrecer unha conferencia no Ciclo de Cine e Conferencias Ambiental e Social que organiza do 2 ao 10 de novembro a asociación universitaria e ambiental Syme e a Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Cal é o seu traballo no Organismo Internacional da Enerxía Atómica?

Como enxeñeira implemento proxectos de aplicación de técnicas nucleares na alimentación e na agricultura en países en vías de desenvolvemento, sobre todo a nivel industrial. O obxectivo destes proxecto é mellorar a agroindustria destes países, sobre todo a exportación de produtos para que poidan competir no mercado internacional.

Podes explicarnos algúns deses proxectos?

En Ecuador, por exemplo, estamos actualmente levando a cabo un proxecto de trazabilidade de produtos agroalimentarios, para facer un seguimento e control do percorrido do produto desde a súa orixe, desde a semente. Eu concretamente traballo desde a sede do programa en Viena, en Austria, realizando tarefas de coordinación.

O tema da súa intervención no campus de Ourense é o uso de técnicas nucleares na auga…

Si, nos temos o lema de Os átomos para a paz, no senso de que as técnicas nucleares teñen moitas máis aplicacións que as centrais nucleares, como son a medicina e neste caso a agricultura. Son usos menos coñecidos polo público pero moi importantes. O emprego de isotopos, técnicas nucleares como o nitróxeno 15, poden funcionar como un fertilizante para a terra, algo que en países como os africanos, onde o subsolo é moi pobre, é moi relevante para o desenvolvemento da agricultura. Neste senso, temos un proxecto coa FAO no que traballamos no emprego da biotecnoloxía para a mellora dos cultivos, das augas, en países en vías de desenvolvemento.

É a primeira vez que está na Universidade de Vigo?

Non, estudei en Salamanca pero realicei hai pouco tempo un posgrao en Ciencias Agroalimentarias na Facultade de Ciencias de Ourense, aínda que por motivos de traballo foi principalmente a distancia. Interesábame moito o seu programa, sobre todo as materias vinculadas coa enxeñaría química.