DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nacida da man do corpo investigador da Área de Ciencia Política e da Administración

O ben común atopa un firme defensor no Observatorio de Gobernanza

Co obxectivo de mellorar as competencias do poder público na súa contorna

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 11/01/2012

Pode que ter de compañeiros de despacho ao corpo investigador da titulación de Publicidade e Relacións Públicas impulsara aos membros da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo a desenvolver a súa propia “imaxe de marca”. Este grupo de 11 docentes con sede na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acaba de fundar o Observatorio de Gobernanza, unha plataforma corporativa “que pretende facer pedagoxía entre a sociedade de aquilo que se chama ben público”, explica Enrique Varela, un dos profesores impulsores de esta iniciativa. Así, o observatorio nace para dar solución aos problemas públicos da contorna “tanto dende a investigación como dende a formación de profesionais no Grao en Dirección e Xestión Pública e no Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional”, engade.

A Área de Ciencia Política e da Administración escolleu o lema Buen gobierno, Buena administración, Buena ciudadanía para difundir os piares da gobernanza. Segundo Varela, o termo acostúmase a empregar como sinónimo de goberno “pero o seu sentido vai máis aló, pois supón unha nova forma de orientar as decisións públicas a través de tres poderes, o político, o administrativo e o cidadán”. Para facer pedagoxía de esta nova forma de entender o ben común, o observatorio atópase inmerso na organización de seminarios e conferencias destinados ao funcionariado da comunidade. Un exemplo claro é o curso de directivos que os docentes da área están a impartir dende o pasado mes de setembro a traballadores da Deputación de Pontevedra para mellorar a calidade da toma de decisións inculcando novas responsabilidades, como a de render contas ou a de compromiso. “A contorna pídenos axuda e como expertos estamos na obriga de dar solucións a problemas de concellos, deputacións e autonomías, facendo verdadeira transferencia de coñecemento”, destaca Varela.

Unha titulación con función social

Outra das bases sobre as que se sostén o Observatorio de Gobernanza é o desenvolvemento de canteira que nun futuro lidere esa nova forma de ver o ben común, “de aí que a plataforma sirva tamén de motor do Grao en Dirección e Xestión Pública e do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional”. Varela sinala que no contexto actual existe unha necesidade de formar profesionais con competencias útiles “que teñan a capacidade de tomar decisións estratéxicas, de resolver problemas, de saber traballar en rede e de entender a importancia da cooperación”. Para o observatorio estas titulacións únicas en España cumpren unha función social e achegan un perfil que demanda o mercado, “un profesional que entende que o ben público é un ben útil para toda a sociedade”.

Por outra banda, dada a recente integración na oferta formativa universitaria, “estes estudos poden coxear por un problema de visibilidade e lexitimidade”, cuestión que tamén tentará atender o observatorio “xa que temos o compromiso coa Universidade de loitar pola formación, que no fondo, é o produto que se pon ao servizo da sociedade”.

A investigación é o terceiro eixo de atención do observatorio procurando que as novas achegas científicas “se transfiran á sociedade”. Con un equipo de expertos en xestión pública, goberno local, cooperación transfronteiriza e sistema electoral, “debemos difundir todo ese coñecemento para lograr unha nova forma de actuar na política, na administración e na cidadanía”, conclúe Varela.