DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Facultade de Dereito, Luis Rodríguez Ennes, imparte un relatorio no Museo de Pontevedr

Benito Jerónimo Feijóo, o ilustrado galego que defendeu os dereitos das mulleres no século XVIII

O docente estuda a faceta máis descoñecida do autor, a tocante ao Dereito

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 10/05/2013
A igualdade formal entre os dereitos de homes e mulleres acadouse en España coa Constitución de 1978. Sen embargo, foi no século XVIII cando comezou a xermolar este substancial avance da man de Frai Benito Jerónimo Feijóo. O ilustrado propuxo daquela igualar de xeito completo as mulleres con respecto aos homes argumentando que a diferenciación que se facía entre eles era unha mera cuestión educacional. É por iso que na súa obra defendeu a idea de que as persoas de ambos sexos tivesen o dereito a recibir a mesma formación académica. As incursións no eido do dereito do Pai Feijóo son aínda descoñecidas por unha boa parte da sociedade. En Galicia, o profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, Luis Rodríguez Ennes, é un dos poucos estudosos que se dedica a analizar a obra deste ilustrado neste campo.

A independencia dos xuíces ou a proposta de abolir a tortura como medio para averiguar a verdade xudicial son outras das cuestións que analiza na súa obra o Pai Feijóo. A fixación dunha idade penal en función do desenvolvemento psicolóxico da persoa, a substitución da pena de morte por unha condena de cárcere ou o establecemento dun prazo mínimo de 24 horas para soterrar a unha persoa dende o seu falecemento son outros dos cambios xurídicos que propuña nos seus artigos. Sobre estes obxectivo fixados, algúns deles acadados nos últimos séculos, fala Rodríguez Ennes na conferencia que imparte este venres no Museo de Pontevedra.

Para o profesor da Universidade de Vigo, “a obra de Benito Jerónimo Feijóo suporía cambios salientables nos eidos da medicina, relixión, ciencia, xustiza ou mesmo na cultura da época. Estas propostas foron retomadas tempo despois por ilustrados como Campomanes ou Jovellanos”. Tamén é posible atopar a pegada deste autor galego nas obras doutros ilustrados da metade do século XVIII como Aranda, Floridablanca ou Lardizábal. Con todo, “cómpre salientar que a obra este ilustre galego tamén foi coñecida polos pais da independencia das colonias hispanas en América”, conclúe. Na súa terra, a obra do Pai Feijóo contou con moitos seguidores mais perdurou no tempo grazas ao labor dun dos seus discípulos, o Pai Sarmiento, que adaptou moitas das súas propostas á especificidade galega.

Adiantado ao seu tempo

Feijóo tiña unha formación enciclopédica que abranguía o dereito da súa época. Aínda que non era un especialista académico, coñecía os principais problemas xurídicos do país. “O descoñecemento da súa obra neste campo explícase ao centrarse boa parte dela en aspectos puramente pedagóxicos e filosóficos” comenta Rodríguez Ennes. O catedrático de Dereito Romano e Sistemas Xurídicos Comparados da Facultade de Dereito do campus de Ourense e membro da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación é un dos poucos estudosos do país que está a traballar na faceta máis descoñecida deste ilustrado galego.