DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O pavillón de deportes acolleu unha xornada informativa e lúdica para o alumnado

Benvidas e benvidos ao campus de Ourense

Os graos de Relacións Internacionais e Intelixencia Artificial arrancan con todas as prazas cubertas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
DUVI Ourense 06/09/2022

O curso académico 2022/2023 xa está en marcha e con el volve o alumnado ás nove facultades e escolas do campus de Ourense. Nel ofértase un total de 19 graos e programas conxuntos e 1015 prazas para o estudantado de novo ingreso, sendo as grandes novidades a estrea dos graos de Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais e os mestrados de Intelixencia Artificial e Desafíos das Cidades. Co obxectivo de dar a benvida aos novos alumnos e alumnas do campus de Ourense, este martes a institución académica celebrou unha xornada na que as e os asistentes puideron coñecer de primeira man os servizos e instalacións que teñen á súa disposición na UVigo.

Este acto de benvida celébrase nos tres campus da Universidade de Vigo. O luns tivo lugar en Pontevedra, este martes no pavillón de deportes universitario de Ourense e mañá mércores chegará ao campus de Vigo. Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, destacou na actividade en Ourense a súa satisfacción porque esta iniciativa recupere “a normalidade” despois da pandemia. “En paralelo ás xornadas que se fan en cada centro ou en cada título, onde se lle conta ao alumnado a parte máis académica”, estas xornadas, dixo a vicerreitora, buscan que as e os estudantes “desde o primeiro día coñezan todo o que lles ofrece a Universidade para que logo eles, pouco a pouco, con esa información, poidan decantarse polos temas que máis lles conveñen ou lles interesen”.

Pondo en valor a boa acollida da xornada de benvida, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, recalcou pola súa banda que o inicio do novo curso académico supón “un día moi importante para nós” e subliñou a importancia de que o alumnado arranque a súa vida universitaria con información de “todo o que lle pode ofrecer a Universidade de Vigo”. As grandes novidades deste curso académico, lembrou a responsable académica, son a posta en marcha das catro novas titulacións e quixo agradecer aos centros, ao persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos o traballo feito. Pór en marcha estes graos e mestrados, afirmou a vicerreitora, “supón un esforzo importante e a comunidade universitaria estivo á altura”.

Novas titulacións

Relacións Internacionais pechou a súa matriculación no primeiro prazo aberto pola CIUG cunha nota de corte de 10,02 e ten unha taxa de ocupación de preto do 132%, mentres que esta é do 106% en Intelixencia Artificial, que cubriu a súas prazas no terceiro prazo de matrícula, cunha nota de corte de 8.85. A estes novos graos súmanse os mestrados interuniversitarios en Intelixencia Artificial, para o que as tres universidades galegas ofertan 60 prazas, e en Desafíos das Cidades, que UVigo, USC e UDC poñen en marcha xunto coas universidades portuguesas de Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto.

O Grao en Intelixencia Artificial, que é interuniversitario, impártese na Escola Superior de Enxeñaría Informática e nel ofertáronse 50 prazas. Do seu arranque, Francisco Javier Rodríguez, director do centro, subliñou que “estamos moi contentos porque tivo unha moi boa acollida” e recalcou que “é un orgullo para nós abrir unha nova etapa para a nosa escola coa posta en marcha deste novo grao e mestrado”. Coa docencia xa en marcha e “empezando pouco a pouco para facer ben as cousas”, o responsable académico puxo en valor o feito de que arredor do 30% do alumnado do Grao en Intelixencia Artificial son mulleres, cifra que, sinalou, supera a media do 17% que se manexa en titulacións como Enxeñaría Informática. Tamén empezou a súa actividade o novo Grao en Relacións Internacionais e a súa facultade, con 22 prazas en Ourense. Laura Carballo, responsable do centro, destacou neste arranque a motivación do estudantado matriculado neste grao. “O alumnado é excelente, trátase de xente intelixente, participativa e moi interesada. Estamos moi contentos”, afirmou. Se no caso de Intelixencia Artificial a docencia desenvólvese exclusivamente no campus de Ourense, en Relacións Internacionais, indicou a súa responsable, “é compartida coa Universidade da Coruña, o que implica que parte do profesorado imparte a docencia desde Ferrol e parte desde Ourense”, traballando estes primeiros días de curso na posta a punto desta dinámica de traballando conxunta.

Sobre o Grao de Relacións Internacionais, Elena Rivo recalcou que “tivo moi boa acollida” e que “é unha carreira de futuro moi axeitada para o momento actual”. Sobre o Grao de Intelixencia Artificial apuntou que “tamén é un título moi demandado que pedían as empresas” e lembrou que “estamos apostando desde a Universidade de Vigo e as institucións de Ourense por ser candidatos a albergar a Axencia Estatal de Intelixencia Artificial, algo que pensamos que sería moi bo para a provincia de Ourense” pola xeración de emprego que suporía. No eido das titulacións tamén destacou a súa confianza en que no caso dos graos de Turismo, Ciencias Ambientais, Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, “co traballo conxunto de decanatos e vicerreitorías, a evolución será positiva” no eido da matrícula. Trátase, dixo, de “graos estratéxicos” e nos que a Universidade de Vigo está incluída entre as mellores do mundo no ránking de Shanghai por materias.

12 mostradores informativos

Nos postos habilitados no pavillón de deportes universitario, o numeroso alumnado que se achegou este martes á xornada puido informarse sobre bolsas e axudas, aloxamento, mobilidade, emprego, cultura, voluntariado ou atención á diversidade, ademais de coñecer de primeira man o que lles ofrecen servizos como a Área de Benestar, Saúde e Deporte, a Unidade de Igualdade, a Área de Normalización Lingüística, a Oficina de Relacións Internacionais e a Biblioteca, así como achegarse a colectivos como UVigo Space Lab ou o equipo de aeromodelismo UVigo Aerotech. Tamén houbo tempo para demostracións científicas, actividades culturais e deportivas, música, xogos, xeados, agasallos, etc.  

Ana Caamaño, técnica de Captación de Alumnado da UVigo, salientou que a idea desta iniciativa foi “ofrecer nun total de 12 stands con información sobre todo os servizos da Universidade”. A xornada, recalcou, tivo “un carácter lúdico” co reto de que o novo alumnado “se soltase un pouco” nestes primeiros momentos no inicio da súa vida universitaria. “A xornada está moi ben, moi interesante. Infórmanche das cousas que hai no campus”, comentaba Luis Álvarez, estudante matriculado en primeiro do Grao de Educación Infantil, tras a visita aos postos informativos. Apuntando que a súa primeira impresión do campus “é moi boa”, este alumno sinalou que precisamente elixiu estudar neste campus porque “teño amigos que xa estaban aquí e faláronme moi ben del”. As súas primeiras boas impresións tamén foron compartidas polas estudantes de novo ingreso Alexia Cea, que apuntou o interese destas xornadas porque “aos que empezamos de novo aquí infórmannos das cousas do campus e non te sentes tan perdida” e Elisa Torres, que elixiu estudar “neste campus por proximidade e a titulación de Enfermaría por vocación”.