DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A piques de abandonar a pre-incubadora da Universidade, xa se constituiron como empresa

Berce suma méritos e faise co I Premio Antonio Palacios a Innovación

A categoría Junior recau noutro inquilino da Cidade Universitaria, o proxecto ITSIGN

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 03/12/2012
En xaneiro de 2012 gañaron a I edición dos premios INCUVI-Emprende e, dende entón, ao proxecto Berce o recoñecemento chegoulle lla xa por varias vías, incluído o Premio nacional de emprendemento universitario o pasado verán. Poucos meses máis tarde Berce volve estar de parabéns ao facerse co 1º premio Antonio Palacios a Innovación, organizado desde o Concello de Porriño e dotado con 3.000 euros. “É un novo apoio e un novo recoñecemento que nos anima moito”, subliña o enxeñeiro Rubén Míguez, copromotor dunha iniciativa que naceu ao abeiro do traballo levado a cabo por dous mozos investigadores ao longo dos últimos cinco anos no grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade.

Constituídos como empresa desde o pasado mércores, Rubén Míguez e Víctor M. Alonso agardan con ilusión a decisión do xurado do sétimo Premio Joven Emprendedor, convocado pola asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, do que son finalistas, ao tempo que preparan “con tempo pero sen pausa” o seu traslado ao viveiro de empresas situado no Multicentro de Porriño “onde agardamos permanecer ata ter a estabilidade suficiente para instalarnos pola nosa conta”, subliña Míguez.

Comercialización do produto para 2013

Especialistas en aplicar as TIC á educación infantil, a idea de negocio de Berce consiste no desenvolvemento dunha ferramenta grazas á cal calquera escola dotada de conexión a Internet poderá, de forma gratuíta, crear e publicar vídeos que narran a experiencia de aprendizaxe e progreso do neno no centro, información que poderá ser consultada polos pais en calquera intre e participar engadindo as súas propias observacións.

Na actualidade o proxecto encóntrase na fase final de desenvolvemento da aplicación prototipo. En outubro iniciaron unha proba piloto con diferentes escolas infantís, catro delas pertencen á rede do consorcio (Nigrán, Gondomar, Vigo e San Roque, en Santiago de Compostela) e as outras seis dependen do Concello de Vigo (Santa Cristina, Atalaia, Santa Marta, Saiáns, Bouzas e Tomás Alonso).

“A partir de xaneiro as familias incorporaranse ás probas para ir mellorando a aplicación”, subliñou Míguez, que apuntou que o obxectivo é empezar a comercialización do produto a partir de abril de 2013.

Premio Junior para ITSIGN

O certame do Concello de Porriño trouxo tamén boas novas para outros inquilinos da preincubadora da Universidade, ITSIGN, gañadores da categoría Junior, dirixida a todas aquelas ideas presentadas por estudantado universitario cun proxecto de negocio susceptible de ser executado no termo municipal de Porriño e dotado con 500 euros, ampliable a 1.000 no caso de que o proxecto se materialice en empresa.

Centrado no deseño de sistemas de sinalización viaria intelixentes e liderado por Avelino Pérez Rodrígez e David Rodríguez Bello, da Escola de Enxeñaría Industrial, “este recoñecemento danos novos folgos para seguir adiante”, subliña Rodríguez, que explica que “polo de agora estamos vendo as potencialidades do produto e estudando a posibilidade de chegar ao cliente final”. “Somos un gran máis nesta enorme montaña que é a seguridade vial”, engadiu Rodríguez, ao tempo que admitiu que están valorando a posibilidade de incorporar novas ideas ao proxecto e agardan poder presentarse á categoría de emprendedores o ano que ven.