DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Berrogüetto acompáñase de Carmen París e as Padereteiras Cantigas e Agarimos no Concerto de Nadal

Mañá mércores encherase o Centro Cultural Novacaixagalicia a partir das 20.30 h

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/12/2010

Con Kosmogonías Berrogüetto achégase ao inicio, á xénese do mundo a un Big-Bang no que triúnfa a materia sobre o baleiro, o son sobre o silencio e o orgánico sobre inerte. Con este disco cargado de novidades, comezando pola voz principal coa incorporación de Xabier Díaz, o grupo galego da a entrada oficial do Nadal na Universidade de Vigo. Con este tradicional concerto, no que Berrogüetto estará acompañado no escenario por Carmen París e as Padereteiras Cantigas e Agarimos, a Universidade fai unha chiscadela á cidade de Vigo ofrecendo un espectáculo musical que, ano tras ano, reúne a algúns dos principais representantes do panorama musical galego.

O Centro Cultural Novacaixagalicia volverá a encher un ano máis as súas 1000 localidades para gozar dun espectáculo exclusivo e innovador, que reúne sobre o escenario tres apostas musicais dispares. A comunidade universitaria arroupa así aos grupos nunha cita clásica e recoñecida do Nadal vigués na que, segundo explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, “o público sempre responde e consigue achegar aínda máis a Universidade a súa contorna” neste caso cun espectáculo inédito.

Berrogüetto presentan o seu último disco que saía á rúa neste 2010 que remata e que baixo o título de Kosmogonías mantén o seu tradicional estilo pero sen deixar de lado a innovación, decantándose por unha nova voz, desta volta masculina, e a inclusión dun nickelharpa, instrumento de corda orixinario do folclore sueco e similar a unha zanfona. No álbum contan coa colaboración dos escritores de Rosa Aneiros e Manuel Rivas, que cederon un dos seus poemas para a letra de Alalá da noite.

Xunto con eles, subirase ao escenario Carmen París, cantante e compositora que conta no seu haber cun Premio da Música ao mellor álbum de fusión en 2009 e completa o cartaz a colaboración das Padereteiras Cantigas e Agarimos para ofrecer un espectáculo variado, dispar e cargado de mesturas.