DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa Asociación Down Pontevedra Xuntos

A Biblioteca Central acollerá en prácticas unha moza con discapacidade intelectual

A Oficina de Voluntariado do campus reactiva así a súa colaboración habitual con esta entidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 26/01/2010

A Área de Servizos á Comunidade da Oficina de Voluntariado e Integración do campus de Pontevedra vén de reactivar o seu habitual programa de colaboración coa Asociación Down Pontevedra Xuntos. Con base no convenio asinado con esta entidade para a realización de prácticas na Universidade de Vigo, a Biblioteca Central do Campus de Pontevedra acollerá durante o mes de febreiro un membro de Xuntos, coa finalidade de promover a adquisición de experiencia nas tarefas propias dos servizos universitarios. José Manuel Lueiro, xestor da Área de Servizos á Comunidade, sinala que este programa ten tamén como obxectivo principal “a integración social e laboral das persoas con discapacidade”.
Pola súa parte, Eva Ramos, preparadora laboral de Xuntos, destaca que “esta actividade está incluída no servizo de emprego con apoio que ofrece a asociación e que pretende achegar aos mozos e mozas con síndrome de down ao mercado laboral”. Deste xeito, a voluntaria da Biblioteca Central estará acompañada a tempo completo por un preparador laboral da asociación durante as primeiras xornadas de traballo, apoio que se retirará paulatinamente a medida que adquira autonomía nas funcións a realizar.
A directora da Biblioteca Central, Laura González, salientou a boa acollida deste programa, que xa achegou o ano pasado outros dous membros de Xuntos ao campus pontevedrés. As principais tarefas que teñen que desenvolver na biblioteca, segundo explicou a directora, son a preparación material dos libros e das revistas, que inclúe a colocación da banda magnética, da folla de recordatorio de préstamo, da etiqueta coa signatura e do selo, así como a ordenación da prensa e o control da correcta ordenación dos libros na sala de lectura.

Formación integral

Os asinantes deste convenio, a Universidade de Vigo e a Asociación Xuntos, queren fomentar co programa de prácticas “unha formación integral, que contemple non só aqueles aspectos máis relacionados coa formación laboral, senón todos os elementos que interveñen na configuración da persoa e na súa socialización”. En función das características individuais das persoas con discapacidade, consideran que unha das experiencias educativas con máis éxito é “a formación no posto de traballo, que liga a teoría á práctica”. Con isto búscase un modelo baseado, por unha parte, nunha aprendizaxe que relacione as habilidades persoais coas sociais, necesarias para desenvolverse e relacionarse na contorna laboral. Por outra parte, preténdese que a persoa adquira unha formación técnica específica a nivel de coñecementos que lle axude a asimilar as tarefas que poida chegar a desempeñar dentro das funcións concretas do traballo.