DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a sinatura dun convenio entre a Consellería de Economía e Industria e EnergyLab

A Biblioteca Central do campus sumarase ás enerxías limpas coa instalación de bombas de calor xeotérmicas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 13/11/2009
A Biblioteca Central da Universidade contará en breve cun sistema de climatización baseado en bombas de calor xeotérmicas, o que suporá á institución un aforro de 9.500 euros anuais na factura enerxética, deixando de emitir á atmosfera 34 toneladas de dióxido de carbono ao ano.
O novo proxecto porase en marcha tras a sinatura hoxe en Vigo dun convenio de colaboración entre o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e a directora de EnergyLab, Elena González, en virtude do cal a Xunta achegará un millón de euros para a instalación de tecnoloxía xeotérmica en diferentes edificios –escolas infantís, vivendas, centros de saúde...- coa finalidade de impulsar o liderado de Galicia no eido das enerxías renovables.
Segundo explicou Javier Guerra, este acordo inclúe a elaboración dun estudo da implantación da enerxía xeotérmica en Galicia coa finalidade de demostrar a rendibilidade do uso deste tipo de enerxías limpas, tendo en conta que no caso de que se implantase tecnoloxía xeotérmica en todas as escolas infantís, centros de saúde e bibliotecas públicas de Galicia podería acadarse un aforro enerxético de 95.725 MWh/ano, que se traduciría nun aforro económico duns 10 millóns no consumo de electricidade, ao mesmo tempo que se impediría a emisión á atmosfera de 52.000 toneladas/ano de CO2; unhas cifras equivalentes ao CO2 absorbido por unha superficie arboredo do tamaño duns 13 campos de fútbol coma o estadio de Balaídos e ao consumo anual dunhas 23.000 familias.