DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde xaneiro de 2011 ata a actualidade fixeron uso do centro case 5000 persoas

A Biblioteca Central do campus supera os 30.000 préstamos por curso

Entre os seus fondos destacan coleccións doadas por relevantes xuristas e facsímiles medievais

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 13/09/2012

Situada nun lugar privilexiado como é o Parque Medioambiental da cidade e nun edificio que destaca polo seu deseño, a Biblioteca Central do campus de Ourense é un espazo cada vez máis empregado pola comunidade universitaria e os ourensáns en xeral para coller libros, para estudar, para ler, para preparar unhas oposicións ou para investigar. Con 141.375 títulos entre os seus fondos, o curso pasado realizou máis de 30.000 préstamos a máis de 4000 usuarios.

Os fondos

“Os nosos fondos están formados por bibliografía recomendada polos docentes nas materias que se imparten no campus e por material bibliográfico de apoio para os programas de investigación dos diferentes departamentos”, explica Julia Jiménez, directora da Biblioteca. Ademais de libros, o centro conta con 1260 títulos de revistas pechados e 800 abertos, con audiovisuais de apoio para o estudo de linguas e cunha colección ampla de recursos electrónicos como revistas, bases de datos e libros en formato dixital.

A pequena “xoia” de todo este material é un grupo de 10 facsímiles medievais, entre os que hai beatos, libros de rezos e manuais de xadrez, que fan as delicias dos estudantes de Paleografía do campus. “Cada ano os fondos van medrando, arredor dun 75% por compras anuais e outro 25% por doazóns”, explica Jiménez. Entre as doazóns recibidas ao longo da súa historia, a directora da Biblioteca salienta de xeito moi especial as que realizaron os catedráticos de Dereito Carlos Palao e Efrén Borrajo e o avogado Alfonso de Paula, que a pesar de non ser docentes da Universidade de Vigo quixeron que as súas destacadas coleccións particulares estiveran no campus de Ourense a disposición da comunidade universitaria e dos ourensáns.

Os usuarios

O número total de usuarios de préstamo da Biblioteca Central ascende a 14.451 persoas; 10.491 estudantes de grao e 873 de posgrao; 449 docentes; 127 persoal de administración e servizos e 2487 usuarios externos. Non todos estes usuarios están permanentemente activos, como indica o feito de que desde o 1 de xaneiro de 2011 ata a actualidade fixeron uso do centro exactamente 4886 persoas. O número total de préstamos ascendeu durante o curso 2011/2012 a 30.504, o 21,8% dos realizados nas bibliotecas da Universidade de Vigo.

“Ao alumnado gústalle vir a estudar ou traballar e os non universitarios veñen moito a preparar oposicións, pois dispomos de 380 postos de lectura nun espazo moi luminoso e acolledor. Ao PAS témolo fidelizado coas novidades editoriais e os docentes acoden principalmente por material para preparar as materias”, comenta a directora do centro. Aos novos membros da comunidade universitaria ou aos que non fixeran uso ata o momento da Biblioteca Julia Jiménez anímaos a aproveitar este recurso que teñen á súa disposición, “pois en Google hai moitas cousas interesantes pero non sempre se ten garantía de calidade nin a capacidade de discernir a fiabilidade das fontes e dos datos dispoñibles”.