DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha exposición de ‘mail art’ ideada pola Facultade de CC da Educación da Universidade da Coruña

A Biblioteca Central do campus ‘tende’ as memorias de case 200 artistas

Busca dinamizar o espazo para que non sexa soamente “un lugar de traballo”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 16/10/2012

Como se de roupa a secar se tratase, a Biblioteca Central do campus pontevedrés aproveitou parte do seu espazo para ‘tender’ as memorias de case 200 artistas de todo o mundo. É o segundo proxecto expositivo que realiza en colaboración coa Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, que tras probar con éxito en 2010, volven repetir experiencia desta volta coa mostra A memoria ferida: memoria e olvido, resultado dunha convocatoria masiva e internacional para recibir pezas de mail art por correo postal sobre un mesmo tema, as lembranzas e os esquecementos. O resultado, unha colección de obras de 188 autores de 23 países diferentes, que tras o seu paso pola universidade coruñesa, poderase visitar en Pontevedra ata o mes de decembro.

A promotora desta iniciativa é Inma Doval, bibliotecaria da Facultade de Ciencias da Educación coruñesa, con grandes inquedanzas artísticas compartidas dende o centro pontevedrés. “Buscamos establecer un diálogo entre a educación e a arte”, explica Héctor Castro, un dos coordinadores da mostra na Biblioteca Central pontevedresa. Froito dunha convocatoria aberta difundida pola rede e por canles de comunicación especializados, logrouse a participación de 188 creadores e creadoras de España, Arxentina, Alemaña, Australia, Xapón, Portugal, Uruguai, Brasil, Estados Unidos, Gran Bretaña, Finlandia, Romanía, República Checa, Noruega, Italia, Grecia, Chile, Canadá, Bélxica e Australia. “O curioso é que todos os artistas tiveron que mandar a súa postal por correo ordinario, facendo verdadeiro uso da mesma”, subliña Castro que lembra tamén a posibilidade de poder coñecer cada unha das obras virtualmente, “pois dixitalizaron cada unha das imaxes para que non só se vexan fisicamente nun lugar”.

Se na primeira edición o tema principal foi o medo, esta segunda exposición inspírase na obra La lectura del tiempo pasado: memoria y olvido, de Paul Riscoer, achegando unha reflexión “das dúas caras dunha moeda”, os recordos e os esquecementos. “Aínda que se estableceu un punto de partida, a interpretación foi totalmente libre”, aclara Héctor Castro, de aí que se lograra unha visión panorámica do tema, botando man de diferentes técnicas e perspectivas: memoria individual e colectiva; memoria-identidade; memoria dos pobos; memoria histórica; educación da memoria; memoria da educación; perda da memoria; amnesia; alzheimer; ausencia; lembranzas; o pasado...

Crear unha biblioteca proactiva

Dende a Biblioteca Central do campus pontevedrés non dubidaron “nin un minuto” en colaborar con esta iniciativa da súa homóloga coruñesa “pois queremos que a biblioteca sexa proactiva, un espazo social no que desenvolver actividades periodicamente”, subliña Castro. Ademais, considera que a biblioteca é o lugar idóneo para acoller actividades e iniciativas culturais destas características “porque sempre ten tránsito tanto de alumnos e alumnas de todas as facultades do campus como da cidadanía en xeral”.

Os responsables da biblioteca cren que este é o camiño de actuación para que o espazo deixe de considerarse soamente como “un lugar de traballo”, achegándoa á sociedade en xeral e integrándoa no novo papel que lle toca asumir coa implantación do EEES, “cunha presenza relevante na formación do alumnado universitario”. Por outra banda, con este proxecto ábrense sinerxías entre espazos afíns, “superando as barreiras da propia institución”, pondo as bases de futuras redes de colaboración “para organizar actividades culturais a maior escala”.

O mail art, procura de alternativas

Aínda que a técnica era libre, a exposición esixía que as obras enviadas respectasen as bases da arte postal, unha corrente artística que naceu nos anos 60 coma unha necesidade de comunicar, á marxe da cada vez maior comercialización e mediatización da arte. A iniciativa comezou por utilizar o correo postal como principal canle de expresión artística co obxectivo de chegar directamente ao público, sen necesidade de intermediarios. Nos anos 90, coa aparición de internet comezou a súa gran difusión, con numerosos foros e exposicións virtuais.