DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un convenio entre a Universidade e a asociación pontevedresa "Xuntos"

A Biblioteca Central colabora coa integración laboral de persoas con Síndrome de Down

Dous mozos con discapacidade farán prácticas no centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 28/03/2008

Co obxectivo de mellorar a integración de persoas con discapacidade na nosa sociedade, desde a Oficina de Voluntariado e Integración púxose en marcha unha iniciativa grazas á cal persoas con Síndrome de Down poden traballar na Biblioteca Central do campus de Pontevedra. Mediante un convenio asinado entre a Universidade e a asociación Down Pontevedra Xuntos, dous mozos afectados pola enfermidade realizarán durante dous meses prácticas profesionais no centro situado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A responsable do proxecto, Herminia Dios Poceiro, explica que ”a finalidade é que os rapaces adquiran a formación necesaria para desenvolverse no seu posto de traballo, onde estarán acompañados dun titor, encargado de apoialos na realización das súas tarefas, na interrelación cos seus compañeiros e, deste xeito, facilitarlles a adquisición das habilidades sociolaborais indispensables para o seu futuro como traballadores”.

Prácticas durante dous meses

O proxecto consiste na realización de prácticas laborais non remuneradas durante dous meses, prorrogables polo tempo estimado sempre que as partes implicadas o consideren necesario para acadar os obxectivos propostos inicialmente. Entre as tarefas que desenvolven estes novos profesionais están o selado, colocación de bandas magnéticas e etiquetado dos libros e revistas; a distribución do correo; o arquivo da prensa do día anterior e a devolución de préstamos no programa informático. Cada unha destas actividades foi estudada e analizada previamente por traballadores sociais e preparadores laborais da asociación Down Pontevedra Xuntos, de modo que se consideraron aptas para as condicións físicas e psíquicas dos practicantes. A partir de agora o persoal da Biblioteca Central supervisará o traballo realizado e informará constantemente á asociación de posibles incidencias.