DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A biblioteca desvela os seus segredos ao alumnado de novo ingreso

A finalidade é amosarlle os servizos que se ofrecen para facilitarlle os seus estudos

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez DUVI 07/09/2011

Cada ano son centos os alumnos e alumnas que se adentran por primeira vez no mundo universitario, o que pode supoñer unha alteración radical do seu día a día. Os novos estudantes teñen que adaptarse a unha forma de traballar diferente, a un estilo de vida descoñecido ata o momento e, incluso, a unha nova maneira de ver o mundo. Co fin de favorecer a adaptación do alumnado de novo ingreso e ensinarlles como sacarlle o máximo partido aos seus estudos, a Biblioteca Universitaria está a celebrar unhas sesións centradas en amosar o funcionamento e as posibilidades que ofrece, colaborando así na formación das competencias informacionais que permiten formar un alumnado máis autosuficiente no proceso de aprendizaxe.

Estas sesións, para as cales se pide a colaboración dos docentes facilitando entre 30 e 50 minutos das súas horas de clase nos cursos de primeiro de grao, permitirán aos estudantes aproveitar ao máximo o repertorio documental existente nas bibliotecas. Como comenta Paz Canduela, subdirectora da Biblioteca Universitaria, “na actualidade, a Universidade ofrece un total de 550.667 volumes impresos e 115.128 electrónicos, 24.640 publicacións periódicas e 47 bases de datos en liña ás que os alumnos e alumnas poderán acceder de forma gratuíta para completar os seus traballos”.

Novas formas de traballar

A adaptación ao plan Boloña e ao EEES, Espazo Europeo de Educación Superior, nos distintos cursos supón a aplicación dunha nova forma de traballar, centrada na explotación das competencias informacionais para explotar ao máximo as súas habilidades e capacidades intelectuais. Trátase de dotar aos alumnos e alumnas dun conxunto de coñecementos que lles permitan saber cando necesitan información, onde atopala e como sacarlle o maior rendemento posible para cubrir as súas necesidades.

Esta forma de traballar permitiralles, á vez, coñecer e empregar fontes de información adecuadas e fiables, fomentando unha busca transversal e interdisciplinar ademais dunha transmisión legal, ética e comprensible dos conceptos e resultados acadados cos seus proxectos.