DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presentación deste catálogo enmárcase nos actos do Día Internacional da Tradución

A biblioteca dixital Bitraga recolle a produción da tradución galega dos últimos 30 anos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/09/2009
Bitraga, Biblioteca da Tradución Galega, recolle toda a produción da tradución galega dende 1980 ata a actualidade nunha firme aposta da Facultade de Filoloxía e Tradución pola valorización do sector e os seus profesionais. A presentación de Bitraga enmárcase dentro dos actos de celebración do Día Internacional da Tradución que se desenvolveron ao longo da xornada no centro. Segundo a decana, Rosa Pérez, na apertura do programa conmemorativo, “esta é a nosa responsabilidade, como única facultade que imparte a titulación de Tradución e Interpretación en Galicia e a única no mundo que conta con tradución dende e cara ao galego”.

Biblioteca da Tradución Galega

Bitraga, coordinada polas profesoras Ana Luna, Iolanda Galanes, Silvia Montero e Áurea Fernández, compila a referencia bibliográfica dos textos literarios traducidos cara a e dende a lingua galega, co obxectivo de proxectar a importancia política e cultural da produción traducida. Segundo explica Ana Luna, neste traballo atópase inmerso o grupo de investigación dende o ano 2004 e “comprende os textos dende 1980 ata 2008, o período de maior volume de produción de tradución en Galicia, aínda que agardamos no futuro poder seguir traballando cara atrás no tempo”.
A biblioteca recolle a referencia tanto dos textos orixinais como dos de chegada xunto cos autores do texto e da tradución, as linguas de partida e chegada (puntualizando se é unha tradución directa ou cunha lingua ponte). “Trátase de ofrecer a máxima información sobre a tradución e sobre todo sobre o tradutor, poñendo en valor a profesión”, comenta Silvia Montero.
O obxectivo deste catálogo é “favorecer o intercambio científico dos datos con todas aquelas persoas interesadas neste ámbito de coñecemento”, subliña Ana Luna, entre os que se atopan tradutores, editoriais, asociacións profesionais, asociacións de escritores ou a comunidade académica e investigadora. “Trátase de difundir con eficiencia e rigorosidade o panorama da tradución literaria en Galicia, visibilizar aos profesionais deste sector e potenciar a normalización da cultura galega no país” destaca.
O catálogo contén na actualidade 6000 referencias e o motor de busca permite localizalas atendendo tanto ao título como ao autor ou ao tradutor. Principalmente trátase de textos literarios, aínda que as investigadoras agardan no futuro abrirse a outro tipo de tipoloxía textual, e as fichas de cada un ofrecen un amplo abano de información que permite, entre outras cousas, localizar en que biblioteca se pode atopar o texto.

Demanda de apoio

A pesar de que os actos da xornada estiveron marcados por un importante carácter reivindicativo da dignificación e recoñecemento da tradución como profesión, Ana Luna fixo tamén unha chamada de atención ás institucións públicas. “Temos que concienciar ás autoridades da necesidade de apoiar e axudar ao sector con achegas, subvencións, bolsas para os estudantes ou premios” aínda que semella que a dirección é outra. “Este ano a Xunta de Galicia decidiu non ofrecer axudas á tradución e, sen elas, estamos perdendo algo moi importante para a cultura do país”, recalcou.

Congreso de AIETI

Ao longo da mañá tivo lugar tamén a presentación do congreso da Asociación Ibérica de Estudio de Traducción e Interpretación, AIETI, que se celebrará en Vigo entre o 15 e o 17 de outubro baixo o epígrafe Traducir na fronteira. O simposio reunirá en Vigo a preto de 90 investigadores de todo o mundo e o seu obxectivo principal é fomentar a reflexión e a posta en común, a investigación e a docencia nos campos da tradución e da interpretación e o seu impacto social e cultural. Segundo explica a súa coordinadora, a profesora Susana Cruces, “tenta promover e difundir estes estudos de tradución e interpretación tanto entre a sociedade como noutros países nos que aínda carecen de recoñecemento, estimulando unha mellora tanto na formación como na práctica profesional da tradución e da interpretación”.

Unha xornada de actividades

O programa de actividades que a facultade programou no Día Internacional da Tradución comprende mesas redondas, conferencias e presentacións, como é o caso de Bitraga e do congreso de AIETI. Segundo o director do Departamento de Tradución e Lingüística, Luis Alonso Bacigalupe, “non se trata de actividades de carácter erudito, senón que afondan en cuestións reais que afectan á profesión dos tradutores”.
Ao longo da mañá desenvolvéronse dúas mesas redondas, unha sobre a profesión do tradutor coordinada por Liliana Valado e na que tomaron parte Francisco Táboas, Fernando Moreiras, Raquel González e Ana María Fernández, e outra sobre a profesión do intérprete coordinada por Maribel del Pozo coa participación de Andrés Salter, Natahlie Cano, Luis Alonso e Francesca Carlucci.
Xa pola tarde, o Cine forum inclúe a presentación do ciclo de cine Medo, migración, mestizaxe e memoria en tradución, e a proxección do filme _On translation: miedo/jauf_, un proxecto de intervención televisiva en español, árabe, inglés e francés de Antoni Muntadas producido polo Centro José Guerrero da Deputación de Granada_VOSE. A xornada péchase coa presentación e debate coordinado por José Yuste e membros do grupo de investigación da Universidade de Vigo TRADUCCIÓN & PARATRADUCCIÓN (T&P).
Paralelamente en Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea acolle a homenaxe a Marilar Alexandre, organizada pola Asociación de Tradutores Galegos, na que toman parte membros da Facultade de Filoloxía e Tradución.