DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca organiza un mercadillo solidario de libros para enviar axuda a Haití

Coa colaboración da Vicerreitoría de Relacións Institucionais a recadación entregarase á Cruz Vermel

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 11/02/2010

Un mes despois da catástrofe de Haití, os danos provocados polo sismo aínda se fan notar no país, que está moi necesitado de axuda humanitaria. Por este motivo, a Biblioteca Universitaria, en colaboración coa Vicerreitoría de Relacións Institucionais está a organizar un mercadillo solidario de libros co fin de recadar fondos que se destinarán ao país caribeño a través de Cruz Vermella,
Paz de la Peña, axudante da sección de adquisicións da Biblioteca foi a encargada de pór en marcha esta iniciativa, coa que se fomenta a lectura como unha actividade solidaria. Segundo indica de la Peña, “o proxecto naceu da unión entre a nosa profesión e a idea de colaborar coa causa de Haití facendo algo con libros e que non implicase un gran gasto, de forma que todo o mundo puidese participar”. Precisamente, o obxectivo desta iniciativa é o de acadar a maior colaboración posible por parte da comunidade universitaria, especialmente dos estudantes, posto que “poden realizar a súa achega dun xeito doado, barato e recibindo algo a cambio, en vez de ingresar cartos nunha conta bancaria” argumenta a bibliotecaria.
Ademais das achegas dende a propia Universidade, a iniciativa conta coa colaboración desinteresada de provedores habituais da Biblioteca, mediante a cesión de lotes de libros, e coa axuda do estudo de deseño gráfico Sopa de Letras, encargado de deseñar os carteis para a difusión do proxecto, que de momento está a acadar unha boa acollida, tal e como expresa de la Peña, que salienta a necesidade de participar nesta proposta, xa que “por poucos que sexan os cartos recadados, alí van ser de bastante axuda”.

Un pequeno xesto para recadar fondos

Baixo o lema Solidarízate con Haití. Participa e lee, a Biblioteca Universitaria fai un chamamento a toda a comunidade universitaria para colaborar neste proxecto, que consta de dúas partes. A primeira delas está dedicada á recollida de libros nas bibliotecas dos tres campus, así como nas conserxerías dos edificios de Reitoría e Servizos Centrais, que se desenvolverá ata principios de marzo. “Esperamos que a xente colabore e traia suficientes libros para poder montar o mercadillo, durante o que non pararemos de recoller”. Deste xeito, os interesados poderán colaborar coa causa cun pequeno xesto consistente na doazón de un ou dous libros de diferentes xéneros, entre os que non se contemplan nin manuais nin libros de investigación, posto que “é difícil darlle saída aos libros de texto” argumenta de la Peña. Os volumes entregados deben de estar en bo estado para que poidan ser postos á venda e, preferiblemente, “que sexa algún libro de ocio co que a xente gozara e queira compartir” indica a bibliotecaria.
A segunda parte desta iniciativa céntrase na celebración do mercadillo, para o que aínda non hai unha data concreta de celebración, que estará disposto en diferentes centros do campus co fin de resultar accesible a todos aqueles que desexen colaborar na recadación de fondos mediante a adquisición de volumes, que terán un prezo único de catro euros,“unha cantidade que consideramos accesible non só para o persoal, senón tamén para os estudantes”salientou de la Peña.

Obra solidaria da Biblioteca Universitaria

Esta iniciativa súmase aos numerosos proxectos solidarios e de difusión cultural promovidos pola Biblioteca Universitaria nos tres campus, como o programa de integración social e laboral das persoas con discapacidade, posto en marcha recentemente no campus de Pontevedra, así como as VII Olimpíada Solidaria de Estudo para financiar un proxecto educativo en Angola celebrada na biblioteca do campus de Ourense.