DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende este martes e ata o 22 de xaneiro

A Biblioteca Universitaria amplía os seus horarios para dar acubillo aos nervios de xaneiro

Con horario nocturno e na fin de semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 03/01/2012

O período de exames adoita ser o momento máis duro para os estudantes das distintas titulacións que, tras varios meses de clases, traballos e apuntamentos teñen que deixar constancia de todo aquilo que aprenderon. Tendo en conta que as probas de avaliación do primeiro cuadrimestre están á volta da esquina, a Biblioteca Universitaria ampliará os seus horarios de apertura dende este martes 3 de xaneiro ata o vindeiro día 22 de xaneiro co fin de poñer ao alcance do estudantado os medios precisos para preparar as avaliacións. A apertura ampliada afecta ao horario de día, de noite e a fin de semana, tanto nas bibliotecas centrais dos tres campus coma nas instalacións de Torrecedeira.

Nesta semana, dende hoxe martes e ata o xoves, xa que o venres é festivo, a biblioteca de Torrecedeira e as bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra permanecerán abertas en horario continuado de 09.00 a 00.00 horas. Xa a partir do luns día 9, tras as vacacións de Nadal, e ata o 20 de xaneiro este horario será aínda máis amplo, de xeito que a biblioteca de Torrecedeira, a Central de Ourense e Central de Pontevedra permanecerán abertas en horario continuo ata as 03.00 h de luns a venres, coincidindo co período oficial de exames.

Durante as fins de semana do 7-8 e 14-15 de xaneiro as portas destas bibliotecas abriranse de 08.00 h á 22.00 h, horario ao que se suma como reforzo a Biblioteca Central de Vigo, cunha xornada ininterrompida de 09.00 h a 21.00 h.

Horarios especiais para o estudantado de Enxeñaría Industrial

Así mesmo, e co fin de cubrir as necesidades do alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial tras o cambio nas datas dos exames, a biblioteca de Torrecedeira e a Central de Vigo abrirán tamén a fin de semana do 21 e 22 de xaneiro, de 08.00 h á 22.00 horas a primeira e de 09.00 h a 21.00 h a segunda.