DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro 2 de xuño

A Biblioteca Universitaria amplía os seus horarios en época de exames

De día, de noite, fins de semana e tamén festivos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Jessica Fdez. DUVI 05/05/2011

Dende a implantación dos graos nas diferentes escolas e facultades, maio pasou a se converter nun mes de exames. Ao aumento de horas de sol que implica a chegada da primavera, hai que sumar o aumento das horas de apertura das bibliotecas universitarias neste primeiro calendario único de avaliación inmerso totalmente en Boloña. Dende este pasado luns 2 de maio e ata o vindeiro 2 de xuño, estes centros aplicarán os seus horarios especiais de día, noite, fins de semana e días festivos, tanto nas bibliotecas centrais dos tres campus coma nas instalacións de Torrecedeira.

Con esta medida preténdese, un ano máis, cubrir as necesidades do estudantado na convocatoria das probas de avaliación do segundo cuadrimestre, que terán lugar entre o 19 de maio e o 3 de xuño de acordo co calendario escolar aprobado polo Consello de Goberno. Para poder levar a cabo esta labor, tal como afirma Paz Canduela, subdirectora da Biblioteca Universitaria, "contratáronse 16 novas persoas para a fin de semana, tanto en categoría de conserxería como de persoal da biblioteca", xa que "este ano espérase que a afluencia sexa semellante aos anos anteriores á implantación dos graos, sen embargo, onde se notará un cambio relevante será en xullo, pola novidade desta convocatoria na maioría das facultades e escolas en sustitución de setembro".

Horarios especiais

As bibliotecas de Torrecedeira, Central de Pontevedra e Central de Ourense, permanecerán abertas entre semana en horario continuo ata as 03.00 horas da madrugada, mentres que durante as fins de semana comprendidas entre o 7 e o 29 de maio, así como o día das Letras Galegas, as portas estarán abertas entre as 08.00 h e as 22.00 horas. A maiores, e como reforzo, a Biblioteca Central do campus de Vigo abrirá os devanditos fins de semana entre as 9.00 h e as 21.00 horas.