DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Mercandolibros" avanza no camiño de ofrecer un servizo web2.0

A Biblioteca Universitaria comeza o curso estreando un novo blog

Os novos alumnos contarán con sesións formativas para coñecer os recursos bibliográficos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 03/10/2008

Despois do Blogdabiblio, posto en marcha no mes de marzo, a Universidade avanza no camiño de ofrecer unha biblioteca 2.0 coa estrea dun novo caderno electrónico. Mercandolibros nace ao abeiro da sección de adquisicións da Biblioteca Universitaria co obxectivo de ser unha canle de comunicación máis áxil e accesible coa comunidade universitaria. O lanzamento á blogosfera coincide co comezo do curso “co ánimo de crear un espazo de achegamento ós nosos usuarios, aínda que tamén un lugar de ocio e divulgación arredor dos libros”, explican dende a sección.
Entre os obxectivos de Mercandolibros, destaca a difusión da colección da Biblioteca, información sobre as últimas adquisicións e novidades bibliográficas, así como facerse eco das actividades relacionadas co mundo do libro, buscando tamén un espazo para o ocio e a divulgación. “A nosa idea era que, dende as seccións, se puidese ter un pouco máis de contacto cos usuarios mediante unha ferramenta como o blog que coñecemos ben e que están empregando xa moitas bibliotecas”.
Deste xeito, os usuarios poderán empregar esta canle de comunicación para solicitar a compra dun exemplar, para facer suxestións, comentarios e propostas de novos contidos, de modo que o espazo se vaia construíndo entre todos. Ademais de temas referentes á propia Sección de Adquisicións, inclúe novidades sobre actividades, sobre outras bibliotecas, temas relacionados coa profesión e novas de actualidades que garden relación con este ámbito. “Cada profesor e cada alumno, dependendo das súas áreas de estudo, descoñecen gran parte dos fondos da Biblioteca da Universidade, como é o feito de que tamén dispoñemos de películas; este é un dos primeiros temas que tratamos en Mercandolibros, xunto co peche do prazo de solicitudes de fondos de I+D”, explican.
Con isto contribúese aos obxectivos de calidade da Biblioteca Universitaria para o 2008: mellorar e renovar a comunicacións cos usuarios de cara a obter un maior coñecemento das súas necesidades e expectativas e así mellorar o servizo bibliotecario, pero sen perder de vista a parte lúdica e de ocio.

Sesións informativas

Outra das iniciativas da Biblioteca da Universidade para este novo curso é a organización dunha serie de breves sesións formativas dirixidas ao alumnado de novo ingreso para poñelos ao día do funcionamento das bibliotecas dos tres campus. O obxectivo é que se acheguen aos servizos e recursos así como unha introdución no manexo do catálogo. Segundo explican dende a Sección de Referencia “esta é unha actividade que levamos varios anos desenvolvendo nos tres campus e adoitamos facelo incluso dende antes do comezo das clases, xa os estudantes de novo ingreso poden tomar parte nos cursos 0 antes de matricularse”. A aceptación deste tipo de iniciativas é moi alta e case todos os directores e decanos de centros facilitan a asistencia dos alumnos ás sesións que se fan en horas de docencia, de modo que “participan practicamente todos os estudantes dos diferentes grupos de primeiro curso. “As charlas teñen lugar nas facultades e escolas pero tamén se adoita facer unha visita á biblioteca do centro ou ben á de referencia do campus” e procúrase ofrecerlles información personalizada dependendo da titulación á que pertenzan, “de xeito que se familiaricen cos fondos e recursos que máis van empregar no tempo que duren os seus estudos”, apunta dende a Sección de Referencia, Antía Salgado. Nestes días arredor da metade das titulacións xa pasaron por estas charlas e, ao longo do mes, completaranse as restantes.
Porén, ao longo do curso a Biblioteca organiza e imparte actividades formativas máis especialidades co obxectivo de que o alumnado sexa autosuficiente no uso dos recursos, instruíndoo na localización, xestión, avaliación e utilización da información que necesita para os seus estudos.