DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Simulacro de incendio e evacuación no campus

A Biblioteca Universitaria fai saltar as alarmas para evitar sinistros reais

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 18/10/2011

Un lume imposible de extinguir nun despacho e unha decisión rápida fai soar as alarmas de cada recuncho da Biblioteca Universitaria. Todo está listo para comezar o simulacro de emerxencia e evacuación dun edificio que se supón ateigado de xente a primeira hora da mañá. Tras ver o fume sobre as 10.30 horas, dende a conserxería ocupábanse de comprobar que ocorre enviando ao un técnico especialista de Servizos Xerais que ocupa o cargo de xefe de Intervención. Non é a única acción que se leva a cabo: case simultaneamente, Gerardo Marraud, director da Biblioteca e tamén director da emerxencia, acude ao Posto de Comunicación de Emerxencias para coñecer en tempo real o que está a ocorrer. Tras a primeira inspección ocular do ocorrido no despacho non hai dúbida: hai que evacuar todo o edificio. Saltan as alarmas.

É o momento de involucrar aos servizos de emerxencia. Mentres Marraud chama ao 112, o persoal que forma parte dos equipos de Primeiros Auxilios e de Intervención, Alarma e Evacuación da planta afectada polo incendio coordínanse co xefe de Intervención para ir dando saída á xente que estaba no interior da Biblioteca, que ten orde de irse reunindo no punto do encontro situado no exterior do edificio. Alí xa se atopa o director da Emerxencia, o encargado de ir recibindo a todos os efectivos que participarán na extinción do incendio. Nesta ocasión, ata o campus achegáronse membros de Protección Civil, tanto da Xunta de Galicia como de Vigo, Policía Nacional, Policía Local, un observador do corpo de Bombeiros e o 061, encargado de ir atendendo ás posibles vítimas.

Preparados para reaccionar

Foi un desaloxo en tempo récord cos equipos de emerxencia ataviados con chalecos de cor verde para ir desaloxando a todos os participantes e cun retén vixiando entradas e saídas para que ninguén volvera ao edificio. Con toda a xente xa fóra de perigo e as alarmas de incendios apagadas, agora será o momento de que os responsables do simulacro analicen con calma todo o acontecido e ver os puntos fortes e fracos de cara a solucionar no futuro posibles emerxencias.

Este simulacro realizouse ao abeiro dos Plans de Autoprotección que se están a desenvolver nos distintos centros e instalacións da Universidade de Vigo tras organizar unha serie de xornadas formativas para alumnado, PAS e PDI baixo a coordinación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.