DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Universitaria organiza dúas sesións formativas sobre o xestor RefWorks

A actividade desenvolverase na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L.C. DUVI 03/11/2009

A Biblioteca Central do campus de Pontevedra organiza unha actividade formativa centrada no xestor bibliotecario RefWorks e dirixida a toda a comunidade universitaria, de xeito particular ao persoal docente e investigador. Trátase dun programa útil para xestionar referencias bibliográficas e editar con facilidade bibliografías. Esta acción insírese no programa de formación de usuarios da Sección de Referencia da Biblioteca Universitaria de Vigo nos tres campus e desenvolverase o vindeiro xoves días 5 na aula de informática 1 da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en sesión dobre, ás 11.00 pola mañá e ás 17.00 horas pola tarde. Cada sesión, cunha orientación eminentemente práctica, terá unha duración de 120 minutos. O obxectivo destes cursos é “dar a coñecer os recursos e servizos que a biblioteca ofrece, así como adestrar aos usuarios na súa utilización”, sinalou o bibliotecario Héctor Castro.
“Moitos investigadores e docentes a miúdo atópanse co problema de que teñen moita información, pero que é difícil de xestionar, polo que o RefWorks lles pode servir de axuda”, indicou Castro. A Biblioteca Universitaria de Vigo pon a disposición dos seus usuarios de xeito gratuíto esta ferramenta, que serve para almacenar todas aquelas referencias que o usuario vai compilando ao longo do seu traballo (de artigos, de páxinas web, de revistas electrónicas, de libros, de bases de datos...), organizalas e acceder a elas rapidamente a través da rede. Así mesmo, o RefWorks permite tamén editar de xeito sinxelo bibliografías a partir desas referencias ou inserir citas nun documento no estilo que se desexe. É neste sentido no que pode facilitar o traballo tanto aos estudantes de calquera ciclo e dos cursos de doutoramento como aos investigadores e profesores á hora de incluír relacións bibliográficas nos seus proxectos.

Últimos días para inscribirse

O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse chamando aos teléfonos 986802001 (mañás) e 986801996 (tardes), ou enviando un correo electrónico a refbcp@uvigo.es, cos seguintes datos: nome e apelidos, teléfono e/ou correo electrónico de contacto, grupo da comunidade universitaria ao que pertence (docente, alumnado de terceiro ciclo, PAS ou alumnado de primeiro e segundo ciclo) e DNI no caso de precisar o certificado de asistencia.