DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As bibliotecas amplían os seus horarios de apertura

A partir desta fin de semana, para os exames de decembro das titulacións a extinguir

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/11/2009
A Biblioteca Universitaria comezará a ofrecer os seus servizos con horario ampliado a partir desta fin de semana, coincidindo coa convocatoria de exames do mes de decembro para as titulacións a extinguir.
Segundo explica a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, “o obxectivo é atender aos usuarios nos tres campus con servizos tanto de biblioteca como de salas de estudo que respondan ás súas demandas; temos que priorizar e buscar os emprazamentos e as fórmulas máis acaídas en cada caso”.
Durante a semana e partir do vindeiro luns 30 de novembro e ata o 18 de decembro, as bibliotecas da EU de Enxeñaría Técnica Industrial en Torrecedeira e a Biblioteca Central do campus de Ourense contarán cun horario ampliado de 21.00 h a 01.00 horas. Esta ampliación na apertura vén a complementar o horario habitual das bibliotecas dos centros nas épocas de exames, ao que haberá que engadir a apertura especial de luns a venres pola noite de salas de estudo con horario de 00.00 h a 09.00 horas, “o que supón unha dispoñibilidade en conxunto de 24 horas”, apunta a vicerreitora. Estas salas habilitaranse no Edificio Xurídico Empresarial do campus de Ourense e na EU de Enxeñaría Técnica Industrial en Torrecedeira.
No caso do campus de Pontevedra, xa que non se atopou “un espazo apropiado para a apertura continuada en salas de estudo” seguirase co horario de anos anteriores con apertura ata as 03.00 horas da madrugada de luns a venres na Biblioteca Central do campus nos períodos que comprenden as semanas anteriores e coincidentes coas convocatorias de avaliación.

Horarios na fin de semana

No que se refire ás fins de semana e festivos, a partir deste sábado 28 de novembro e durante os días 29 de novembro, 5, 6, 7, 8, 12 e 13 de decembro, as bibliotecas da EU de Enxeñaría Técnica Industrial en Torrecedeira e as bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra, abrirán de 08.00 a 22.00 horas. Para as seguintes convocatorias de avaliación, tanto dos novos graos e posgraos como das titulacións a extinguir, aplicaranse fórmulas similares para facilitar o estudo do alumnado universitario.

Biblioteca de Caixanova

A biblioteca do Centro Cultural Caixanova tamén se adhire a esta iniciativa da Universidade ampliando o seu horario de 09.00 h a 21.00 horas durante os días 28 e 29 de novembro e 5, 6, 7, 8, 12 e 13 de decembro.

Convocatorias de exames

A próxima convocatoria de exames de decembro abrirá o calendario de probas de avaliación deste curso 2009/2010. Nas titulacións a extinguir os exames extraordinarios e de fin de carreira desenvolveranse entre o 14 e o 19 de decembro e, posteriormente, os exames do primeiro cuadrimestre entre o 1 e o 13 de febreiro e os do segundo entre o 7 e o 19 de xuño.
Nos estudos oficiais de grao, os exames do primeiro cuadrimestre realizaranse entre o 21 de xaneiro e o 3 de febreiro, mentres que os do segundo serán entre o 25 de maio e o 7 de xuño, sendo a convocatorio de xullo, que substitúe á de setembro, entre o 1 e o 15.