DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo ofrecerá un concerto o sábado 21 de maio no Teatro Principal

La Bien Querida pecha o curso e abre unha nova programación musical

A música cobrará protagonismo na actividade cultural universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 18/05/2011
As clases están a piques de rematar, comezan os exames finais e as vacacións están á volta da esquina. O curso académico 2010/2011 entra na súa fase final e para celebralo, ou para enfrontalo con máis forza, o campus de Ourense celebra o sábado, día 21 de maio, no Teatro Principal, un concerto de fin de curso a cargo do grupo La Bien Querida. Con el comeza a nova programación musical do campus de Ourense, que quere reforzar o protagonismo da música na súa programación cultural.

Durante o acto de presentación este mércores do concerto, María Lameiras, vicerreitora do campus, salientou que “este concerto é o primeiro da nova programación musical do campus, que intentará potenciar o papel da música na formación integral do alumnado a través de eventos musicais, como concertos e doutro tipo de accións”. Nesta programación, a colaboración doutras entidades será moi importante, segundo explicou María Lameiras, polo que agradeceu a implicación do Teatro Principal neste primeiro concerto.

Pola súa banda, Olga Mojón, xerente do Teatro Principal, amosouse na presentación moi satisfeita de participar nesta iniciativa, lembrando a frutífera relación que xa ten a súa entidade co campus ourensán no ámbito teatral grazas á MOTI e á MITEU. Con esta nova colaboración no eido musical, Olga Mojón agarda que “os públicos xoves se acheguen ao teatro e rompan con esa idea de que é algo serio”.

O concerto de La Bien Querida, organizado por Coconut Producciones, será o sábado, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, con entrada de balde previa retirada do convite en taquilla. Premio ao mellor álbum e á mellor artista revelación nos Premios da Música 2010, o grupo de Ana Fernández tocará pezas dos seus discos Fiesta, editado este ano, e Romancero, publicado en 2009.