DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa do Instituto de Investigación Biomédica supera os 200 investigadores

Biocaps encara o seu último ano co 90% dos seus obxectivos cumpridos

Iniciáronse preto de medio cento de proxectos e acordos de transferencia en 2014

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 14/04/2015

Cando aínda resta preto dun ano para a súa finalización, o Programa de Apoio ás Capacidades Biomédicas (Biocaps) alcanzou xa máis do 90% dos obxectivos marcados ao comezo da súa execución. O proxecto do Instituto de Investigación Biomédica (IBI) alcanza o seu segundo aniversario con 27 investigadores máis adscritos, o que eleva o total a 215, e preto de medio cento de novos proxectos e acordos de transferencia con empresas e institucións iniciados ao longo de 2014. O comité de avaliación externo do proxecto está formado por científicos e empresarios de recoñecido prestixio na área biomédica. Á reunión celebrada en marzo para facer balance sobre o camiño percorrido e priorizar os retos a abordar durante 2015, asistiron a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Asunción Longo; a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Xunta de Galicia, Sonia Martínez Arca; o director da división de proteínas e ácidos nucleicos do Laboratorio de Bioloxía Molecular de Cambridge, Andrew McKenzie; e o catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Diéguez.

Cumprimento de obxectivos

En representación do comité, Carlos Diéguez destacou que durante estas dúas primeiras anualidades o proxecto alcanzou un grao de cumprimento de obxectivos superior ao 90%. Ademais da incorporación de sete cientificos que abriron e consolidaron novas liñas de investigación, o desenvolvemento de infraestruturas e o aumento da visibilización de Biocaps como referencia no campo biomédico, o catedrático da USC subliña entre os logros alcanzados “a integracion dos grupos básicos pertencentes á UVigo cos grupos clínicos dos hospitais. Sen dúbida, Biocaps axudou a facer máis permeables as separacións entre administracións facéndoas converxer nun obxectivo comun: xerar coñecemento, poñer en marcha mecanismos comúns de valorización e mellorar o diágnostico e o tratamento dos pacientes”.

Na opinión de Diéguez, o maior reto de futuro é que todo o conseguido durante este período perviva no tempo. “Aínda que Biocaps se expuxo orixinalmente como un proxecto a executar en 36 meses, dado o éxito obtido sería desexable que as estruturas organizativas desenvolvidas, os cientificos incorporados e as novas liñas de investigación abertas sigan adiante”, explica. “Esta continuidade probablemente sexa a mellor homenaxe que se pode facer ao esforzo desenvolvido polos responsables de Biocaps e os máis de 200 científicos implicados”, engade.

Intensa actividade de I+D+I

Biocaps conta con financiamento do 7º Programa Marco da Unión Europea e naceu co obxectivo de apoiar o crecemento e consolidación do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV). Un dos principais retos abordados no marco do proxecto en 2014 foi a adhesión á entidade dos grupos científicos deste campo de Pontevedra e Ourense. O resultado foi o Instituto de Investigación Biomédica (IBI), que cobre toda a zona sur de Galicia e aumentou o alcance da misión de Biocaps. Durante o último ano, os investigadores das seis áreas científicas de Biocaps lograron poñer en marcha 22 novos proxectos capaces de captar financiamento público de carácter competitivo. Isto eleva a 77 a carteira total de proxectos en execución que o IBI desenvolve na actualidade. No marco destes, realizáronse 22 ensaios clínicos destinados a abrir a transferencia dos resultados de investigación á práctica médica, cinco máis que no ano anterior. No ámbito das publicacións, durante este segundo ano de execución do proxecto sumáronse 144 artigos e libros, 55 máis que en 2013.

Grazas a Biocaps, o IBI continuou reforzando a súa proxección internacional, sobre todo a través das colaboracións abertas cos catro centros titores do proxecto: o Instituto de Mioloxía de París, o Instituto Alemán de Nutrición (Potsdam), o Laboratorio de Bioloxía Molecular do Consello de Investigacións Médicas (Cambridge) e o organismo encargado da transferencia de tecnoloxía desta institución, situado en Londres. En total, en 2014 leváronse a cabo 13 actividades de intercambio de coñecemento con estes centros, sobre todo a través de estancias de investigadores. A recente incorporación dun quinto centro titor, o Instituto de Diabetes e Obesidade de Munich, suporá novas oportunidades de colaboración internacional durante este ano.

En total, as estancias internacionais realizadas polos investigadores no marco de Biocaps foron 17 en 2014. Isto supuxo unha inxección importante de coñecemento e colaboracións novas para o IBI, do mesmo xeito que os cinco seminarios científicos organizados o ano pasado, xunto con outros tantos cursos e o workshop anual do proxecto, celebrado en novembro coa asistencia de máis de 200 investigadores. Durante o pasado ano deseñouse un plan de innovación específico para o instituto e comezouse a implantación dun modelo de transferencia de tecnoloxía, ambos os dous destinados a intensificar as relacións dos investigadores co sector empresarial e clínico. En total, durante 2014 iniciáronse 24 acordos de colaboracion con empresas e institucións, un fito moi relevante para o IBI. A isto súmase a consecución de cinco patentes, que van desde novas ferramentas para o diagnóstico de tumores a novos biomateriais e métodos para a predición da progresión a enfermidade de persoas infectadas co VIH.