DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bioloxía celebra San Alberte botando unha ollada á vida primitiva

A celebración do patrón incluíu a entrega dos premios de Fotografía Biolóxica e unha homenaxe a Mari

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/11/2009

A proxección do documental Tras las huellas de la Vida Primitiva (el Periodo Cámbrico), realizado polo catedrático de paleontoloxía Eladio Liñán e o xornalista Miguel Bayón, marcou a celebración da festividade de San Alberte na Facultade de Bioloxía. Xunto ao documental, a conferencia do profesor Rodolfo Gozalo sobre a vida no Cámbrico, unha sentida homenaxe de xubilación á profesora Marina Horjales e a entrega dos premios do VI Concurso de Fotografía Biolóxica completaron a xornada.

Un documental pioneiro sobre a vida no Cámbrico

Seleccionado para participar na fase final do Festival de Cine de Zaragoza 2009, o documental Tras las huellas de la vida primitiva reúne información de todos os xacementos que axudan a desvelar o enigma da explosión da vida animal, e recolle testemuñas dos principais especialistas e grupos de investigación do Cámbrico.
O filme describe brevemente a historia dos estudos sobre o período Cámbrico, seguida dunha revisión da importancia que teñen os xacementos fósiles cunha conservación excepcional para reconstruír a “vida marabillosa”, en palabras de Gozalo, dese período. Entre outros, os asistentes á proxección puideron coñecer os xacementos de Gales en Reino Unido; Burgess Shale en Canadá; Chengjiang en China e Sinsk en Siberia, con especial referencia ao cen aniversario do descubrimento da Burgess Shale nas Montañas Rochosas e os seus fósiles.
As referencias a España estiveron tamén presentes na última parte do documental con especial mención ao xacemento cámbrico de conservación excepcional de Murero en Zaragoza, xa que é o principal xacemento de referencia na investigación do Cámbrico, e é o único que ten un rexistro continuo de dez millóns de anos.
O documental, elaborado na Universidade de Zaragoza, finalizou con algunhas breves reflexións sobre o progreso científico en Paleontoloxía e sobre a natureza única do entendemento humano.

Premios de fotografía

A celebración do San Alberte foi tamén, como ven sendo habitual, o marco escollido para facer a entrega dos premios do VI Concurso de Fotografía Biolóxica que, coincidindo co bicentenario do nacemento de Charles Darwin e dos 150 anos da publicación de A orixe das especies, versou sobre A evolución e adaptación dos seres vivos.
Con dúas categorías, montaxe e fotografía, Óscar Martínez con La ley la marco yo, e Alejandro Rico con Como una hoja, fixéronse cos primeiros premios desta edición e puideron recoller a cámara dixital que os acredita como gañadores. La reina roja de Juan José Quiroga e Camuflaxe otoñal de Ana Pequeño, foron as fotografías galardoadas co segundo premio.

Homenaxe á profesora Marina Horjales

A celebración do patrón da facultade tivo este curso un sabor especial, ao incluír unha sentida homenaxe á profesora Marina Horjales, primeira docente do centro que se xubila.
En ausencia do decano, Pedro Pablo Gallego, que debido a problemas de saúde non puido acudir a celebración, foi a vicedecana Vicenta Martínez a encargada de darlle os parabéns e facerlle entrega dun pequeno agasallo por parte da escola, “tras corenta anos dedicándote á docencia e a investigación”, subliñou.
Tras un breve repaso polo seu currículo, Martínez destacou como principais calidades da profesora Horjales, doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, “a súa enorme capacidade para realizar estancias noutros centros e colaborar con outros grupos de investigación, algo non habitual na década dos setenta, sobre todo se estamos a falar dunha muller”.