DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bioloxía, Relacións Laborais e Enxeñaría de Telecomunicación xa teñen novas promocións no mercado laboral

Sendos actos de graduación serviron para despedir aos egresados

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría - Romina Vázquez DUVI 26/06/2008

En ton distendido, case humorístico, desenvolveuse o acto da graduación dunha nova promoción de Enxeñeiros de Telecomunicación, que tivo como mestre de cerimonias a Fernando Martín, subdirector e xefe de estudos da ETSE de Telecomunicación. “Máis que unha festa de peche da etapa universitaria, esta é unha oportunidade de celebrar a continuidade na carreira”, tal como afirma Tania García, unha das alumnas, que explica que “da centena de estudantes que nos matriculamos no 2003 xa só quedamos a metade e estamos repartidos en distintos cursos, polo que o contacto é escaso”. Con previsión de aprobar as materias restantes e elaborar o proxecto nun prazo de dous anos, Silvia González, outra das graduadas, apunta que “a maioría dos que estamos aquí aínda non rematamos, pero o feito de estar implica que temos expectativas de acabar con éxito esta dura carreira”.
A parte central do acto correu a cargo de Luis Álvarez Sestelo, xerente do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT, que impartiu unha conferencia maxistral baixo o título Volver ás orixes, pero... Ao longo da súa intervención, Sestelo destacou “a preparación para enfrontarse a calquera problema e resolvelo”, tal como el mesmo afirmou, como un dos coñecementos máis importantes que se adquiren na ETSET, da que el mesmo foi alumno. Do mesmo xeito, invitou aos graduados a emprender no seu futuro laboral aventuras empresarias, para o que “o GRADIANT está a vosa enteira disposición”, segundo as súas verbas.
Os padriños do acto, José Carlos López Ardao e Javier González Castaño, ambos profesores do Departamento de Enxeñaría Telemática, puxeron o broche final destacando que “pese a que pareza o contrario, o momento de crise económica que vivimos, vai abrir moitas oportunidades laborais aos novos graduados”, tal como afirmaron. A este respecto, María José Villamarín, unha das estudantes, sinalou que “temos a sorte de dispor dun amplo abano de posibilidades de traballo, xa que a nosos estudos son todoterreo”.

Diversidade de saídas profesionais para os novos titulados en Bioloxía

“Non creo que haxa unha carreira tan vocacional como a vosa. Teredes que traballar dura e intensamente, pero facede todo con ilusión”. Con esta palabras se dirixiu o director do Instituto de Medicina Legal da USC, Angel Carracedo, aos preto de 60 estudantes que protagonizaron o acto de graduación da decimo segunda promoción de Bioloxía, e dos que Carracedo foi padriño.
Foi o decano da facultade, Pedro Pablo Gallego, o encargado de abrir o acto, e ante un ateigado auditorio que se deu cita no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, defendeu a sólida formación dos egresados dos que dixo “saben facer, estar e ser”. Gallego que destacou o esforzo e o traballo que durante cinco anos desenvolveron os estudantes destacou que das dúas últimas promocións que saíron do centro, un 65% dos titulados están traballando, mentres o 35% restante continúa formándose ou está a preparar oposicións.
O decano que lembrou que a de biólogo é unha profesión regulada que se pode desenvolver en moitos campos, animou aos titulados neste nova etapa que agora se inicia para eles, asegurando que “os vosos éxitos, serán os nosos éxitos”.
O padriño da promoción 2003-2008 da Facultade de Bioloxía, Angel Carracedo reivindicou na súa intervención o orgullo de pertencer a unha universidade, tal e como ocorre noutros países. O director do Instituto de Medicina Legal da USC destacou as numerosas posibilidades profesionais da titulación e animou aos seus afillados a facelo todo “con ilusión”.
Pola súa banda, Mercedes Casal, a presidenta do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, centrou a súa intervención no papel do organismo que preside, que definiu como “ a casa de todos os biólogos”. Casal que tamén lembrou a diversidade de saídas profesionais da titulación, destacou que o ano 2008 pasará á historia para a profesión en Galicia xa que ser producirá a publicación no DOG dos estatutos do colexio oficial.
Tras a intervención dos representantes dos alumnos que realizaron un percorrido polos cinco anos de carreira que “agora se pechan para que comece un ciclo importante”dixeron, foi o vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade, Anxo Sánchez o encargado de pechar o acto de graduación, felicitando aos novos titulados, aos que animou a volver á Universidade sempre que o desexen. “Esta é a vosa segunda casa na que sempre seredes ben recibidos”, dixo o vicerreitor.

51 novos diplomados en Relacións Laborais reciben as súas bandas

O salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias foi o escenario do acto de graduación da sexta promoción de diplomados en Relacións Laborais que entra no mercado laboral. Ledicia, nervios e moita satisfacción eran as sensacións que se albiscaban nos rostros dos cincuenta e un estudantes, 40 rapazas e 11 mozos, que para recibir as súas bandas estiveron acompañados por familiares e amigos, igualmente emocionados. Precisamente para eles foron os agradecementos de Isabel Orge e Iria Veiga, que actuaron como representantes do alumnado lembrando anécdotas acontecidas ao longo dos tres anos compartidos nas aulas.
Presidido por Esther González Pillado, secretaria xeral da Universidade, o acto contou coa presenza de Teresa Rodríguez, presidenta do Colexio de Graduados Socias de Pontevedra, e Laura Carballo Piñeiro, decana accidental da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que destacou que “a que hoxe se gradúa é unha promoción avantaxada na materia extracurricular de sensibilidade social”. Do mesmo xeito, ante o momento de cambio que atravesa a universidade para adaptarse ao modelo europeo, Carballo tranquilizou aos alumnos afirmando que “os estudos son totalmente válidos e estades perfectamente preparados para afrontar o futuro laboral”.
En representación do Concello, Abel Caballero, alcalde de Vigo, transmitiu aos graduados o desexo de que atopen na cidade olívica “o seu lugar profesional”, tal como el mesmo afirmou, engadindo que “aí abaixo hai un mundo cheo de actividade económica e innovadora que vos está agardando”.
Acompañando aos estudantes neste momento de finalización da etapa universitaria estivo José Vázquez Portomeñe, secretario xeral da Consellería de Traballo, que reflexionou sobre as políticas de igualdade e a necesidade de racionalizar os horarios. “Hoxe, a muller incorpórase ao mercado de traballo, pero non pode obviar as cargas que tradicionalmente se lle veñen outorgando”, segundo as súas palabras. O tempo é un ben prezado que precisa dun reparto equitativo para o traballo, o lecer e o cumprimento das obrigas, e “en Galicia xa se está traballando, a través do diálogo social, para que a igualdade pase a ser unha realidade”, tal como afirmou Vázquez Portomeñe.
Para por punto final ao acto, o máster de Xestión e Dirección Laboral foi unha das propostas que Esther González ofreceu aos alumnos interesados en continuar a súa formación na Universidade.