DUVI

Diario da Universidade de Vigo

2ª edición do Congreso Ibérico de Biocombustibles Sólidos, organizado pola Escola de Enxeñaría Fores

A biomasa postúlase como a enerxía do futuro

Enrique Valero, que impartiu a conferencia inaugural, salientou as potencialidades de Galicia neste

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 14/06/2011

No 2020, o 20% da enerxía empregada deberá proceder de fontes renovables. Baixo esta premisa que resume a Estratexia Enerxética Europea 20-20, Enrique Valero, director da Escola de Enxeñaría Forestal e presidente do Comité de Bosques da Unión Europea, inaugurou este martes o II Congreso Ibérico de Biocombustibles Sólidos que, desta volta, se celebra na Escola de Engenharia da Universidade do Minho, tras unha primeira edición o ano pasado no campus pontevedrés. “Pretendemos dar a coñecer os avances no aproveitamento enerxético da biomasa”, explica o profesor Luis Ortiz, un dos principais coordinadores das xornadas, “sector no que tanto Galicia, como España e Portugal teñen unha posición inmellorable”, engadiu Valero.

A crise nuclear do pasado mes de marzo en Fukushima “volveu a provocar un pequeno cuestionamento sobre a seguridade deste tipo de enerxía”, comenta o director da escola, o que provocou “que moitos ollos desviasen de novo as súas miradas cara as fontes renovables”. Entre todas as posibilidades que existen, a biomasa postúlase como a máis factible, porque “a enerxía hidráulica, sempre vai depender da forza do mar e a solar non se atopa o suficientemente desenvolvida a nivel tecnolóxico, ademais de ser moi cara”.

A pesar das vantaxes do contexto natural que presenta o territorio galego para o aproveitamento dos residuos forestais e agrícolas para xerar kilowatios de enerxía, “a súa explotación aínda é feble se a comparamos coa de países como Alemaña ou Austria, que experimentaron un desenvolvemento enorme ao instalar centrais de biomasa nas súas comarcas”.

Equilibrio nas emisións de dióxido de carbono

Outra cuestión que Valero salientou é que a biomasa, ademais de ser renovable, “é respectuosa co medio ambiente”, pois non contribúe ao cambio climático, sempre que a biomasa consumida se substitúa cun novo crecemento que volva absorber dióxido de carbono da atmosfera. Polo tanto, “nas liñas que marca o cumio de Copenhage, a biomasa e, en especial, a madeira impóñense como elementos importantes de substitución dos combustibles fósiles”, concluíu.

Avances desde a experiencia real

No contexto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, “consideramos de especial relevancia achegar o coñecemento da situación actual do ámbito da biomasa nos dous países, tanto desde a perspectiva industrial como desde o sector terciario, aproveitando as oportunidades de negocio e o crecente interese que se presenta na zona transfronteiriza”, apuntou Ortiz. Por outra banda, a celebración do congreso supón a creación dun foro de debate sobre as novas fontes de enerxía “onde intercambiamos experiencias, coñecementos e proxectos que permitan potenciar un mercado transnacional que consolide o emprego deste tipo de enerxías”.

Ademais da conferencia inaugural de Enrique Valero, o centro pontevedrés tamén estivo representado polo propio Luis Ortiz que falou sobre o secado natural da biomasa, por Daniel Vega que afondou nos modelos de produción e por Raquel Dopazo cunha conferencia titulada Cultivos enerxéticos, producións e rendementos. Outras mesas de debate sobre biocombustibles estiveron dedicadas á loxística, ás culturas enerxéticas, ás aplicacións tecnolóxicas e comerciais e á calidade e certificación. Mañá mércores todos os asistentes ao congreso visitarán as fábricas de pellets de Lousada e a de produción de papel de Viana do Castelo.