DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Andrés Moure, profesor da Facultade de Ciencias e director dunhas xornadas sobre esta enerxía verde:

“A biomasa é un recurso clave para o desenvolvemento sostible”

Un grupo de expertos analizarán as distintas aplicacións deste residuo de orixe vexetal

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 04/11/2009
Raquel Feijóo | Ourense
O refinado de biomasa consiste en valorizar materias primas, como madeira ou residuos agrícolas e forestais, por medio de tratamentos que permiten obter distintos produtos finais. Así, e por exemplo, este proceso permite obter celulosa, biocombustibles, bioetanol, aditivos alimentarios, ácidos orgánicos e antioxidantes (que posúen actividades biolóxicas e son aplicables en produtos farmacéuticos e cosméticos).
Dous grupos de investigación da Facultade de Ciencias, –EQ2 e EQ9-, veñen de pór en marcha unhas xornadas para analizar o refinado de biomasa e a súa relación co desenvolvemento sostible. O primeiro destes encontros desenvolverase este venres 6 de novembro e tratará sobre as Iniciativas industriais no campo de produtos derivados de biomasa. Esta xornada será a primeira dunha serie de catro que se van celebrar ao longo do curso académico 2009-2010, coa finalidade de presentar unha visión ampla da utilización da biomasa como recurso clave para o desenvolvemento sostible.
Para Andrés Moure, profesor da Facultade de Ciencias e director organizativo das xornadas, a biomasa “xa é hoxe un recurso clave para o desenvolvemento sostible, e o seu papel está a aumentar de importancia”. Na xornada do venres, expertos na temática analizarán as aplicacións da biomasa na fabricación de produtos ecolóxicos para a construción, a elaboración de polímeros aplicables como reforzos estruturais de materiais compostos, a separación de celulosa doutras fraccións de interese por medio de tratamentos con disolventes orgánicos e a produción de bioetanol de segunda xeración, derivado de materiais a base de celulosa (e non de materias a base de almidón, que teñen aplicación alimentaria).

Xornadas dirixidas a todas as persoas interesadas no desenvolvemento sostible

As xornadas sobre Refinado de biomasa e desenvolvemento sostible están dirixidas non só aos estudantes da Universidade de Vigo, senón tamén a todas aquelas persoas interesadas no desenvolvemento sostible. Por exemplo, di Andrés Moure, "en Galicia é moi importante ver que se pode facer coa cantidade de residuos agroforestais que se xeran e, particularmente, se se poden empregar como materias primas doutros procesos, de xeito que se obteña simultaneamente un valor engadido e a desaparición dos residuos”, declara.
As xornadas están organizadas polos grupos EQ-2 e EQ-9 da Facultade de Ciencias, dirixidos polos profesores Juan Carlos Parajó e Gil Garrote, respectivamente, e formados por dous catedráticos, tres titulares, tres contratados postdoutorais e dez investigadores predoutorais. Estes grupos están a levar adiante liñas de investigación que tratan do procesamento químico e biotecnolóxico da biomasa vexetal para a obtención de produtos de alto valor engadido.

Afán divulgativo e de coñecemento do sector empresarial

A posta en marcha dunhas xornadas sobre o refinado de biomasa ten varios obxectivos. Segundo Andrés Moure, “un deles é claramente de divulgación: queremos poñer á disposición da audiencia o coñecemento de expertos en temas de interese técnico, económico e social que pode servir de xermolo de novas iniciativas entre os participantes”. O director organizativo das xornadas asegura tamén que, nestes encontros, “os grupos de investigación poderán beneficiarse do contacto coas empresas, o que lles permitirá coñecer as súas inquedanzas e puntos de interese”, declara.
A primeira das xornadas terá lugar, xa que logo, o día 6 de novembro no salón de grados do Edificio Politécnico. A apertura está prevista para as dez da mañá, e contará coa presenza de Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense. Juan Carlos Parajó, director académico dos encontros, pronunciará a primeira das conferencias, que versará sobre A biomasa e o desenvolvemento sostible. O encontro prolongarase ao longo de toda a mañá con varias ponencias que xirarán en torno ás Iniciativas industriais no campo de produtos derivados de biomasa.