DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David Crespo expón deste este mércores unha selección da súa obra na sala do campus

A biopsia do impacto da crise na xuventude faise en Alterarte

A mostra está comisariada polo docente da Universidade de Vigo Carlos Tejo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 10/04/2013

A crise económica, política e social empapa a actualidade en todos os eidos posibles, tamén o artístico. Como unha reflexión do seu impacto na xuventude, o creador David Crespo vén de inaugurar na Sala Alterarte do campus de Ourense a mostra Biopsia dun chasco. Nela recolle unha selección de pezas pertencentes ás obras que ten realizado nos últimos cinco anos coa intención de facer reflexionar ao espectador sobre a situación de frustración que vive actualmente a sociedade e particularmente os máis novos, educados na abundancia e nas grandes expectativas.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, coordinador da Sala Alterarte; o creador David Crespo e Carlos Tejo, comisario da mostra e docente da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, foron os encargados este mércores de inaugurar a nova mostra de Alterarte, que estará aberta ata o día 7 de xuño. A iniciativa, explicou Xosé Manuel Buxán, forma parte da segunda edición do proxecto expositivo Estado Crítico 2. 10 comisarios 10 artistas, na que docentes da Universidade de Vigo elixen obra de emerxentes creadores para exporse en Alterarte.

A frustración desde o cotián

“Escollín a David Crespo para esta exposición porque me parece un artista moi fresco, cunha obra moi sincera, que está viva e que evoluciona moi positivamente e que bebe moito da performance clásica”, explicou o comisario da mostra, responsable do proxecto artístico Chámalle X do campus de Pontevedra. “A mostra leva por título Biopsia dun chasco. Biopsia porque recolle doce ou trece pezas dunha ducia de proxectos que realicei nos últimos anos e chasco porque na miña obra traballei moito o tema do fracaso e da frustración que supón para a xuventude a crise actual”, destacou o creador, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo.

A mostra consta dunha fotografía, de dous audiovisuais e de dúas pezas coas que o creador quere articular un discurso arredor do fracaso partindo do cotián, como pode ser a simple acción de pranchar unha peza de roupa ou xogar un partido de fútbol. Biopsia de un chasco, subliñou o comisario, agrupa un intelixente conxunto de recursos que dan forma a unha evolución ascendente puxada por unha produción "arriscada, comprometida, terapéutica e coherente", na que o fondo conceptual non deixa de estar acompañado por certo sentido do humor.

“Cando se está falando tanto do pasotismo das novas xeracións, que os titulados desta Universidade sexan capaces de facer cousas innovadoras coma esta mostra é unha forma de rachar esa frustración da xuventude provocada pola falta de oportunidades que teñen”, destacou María Lameiras durante a inauguración. Deste xeito, David Crespo quixo recalcar que para el, “volver despois de cinco anos a Galicia, onde recibín durante outros cinco anos unha formación da que estou moi agradecido, é un motivo de moita satisfacción e ilusión”.